Oito novos helicópteros, 15 motobombas e 12 batracios sumaránse este ano á loita contra os lumes en Galicia

A Consellería de Medio Rural investirá 21,76 millóns de euros en mellorar os medios materiais do Servizo de prevención e extinción de incendios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/01/2023 | Actualizada ás 17:51

Comparte esta noticia

A Consellería de Medio Rural investirá 21,76 millóns de euros en mellorar os medios materiais do Servizo de prevención e extinciónde incendios de Galicia, co fin de avanzar na loita contra os lumes forestais.

Así, segundo detallan nun comunicado, contrataranse un total de oito helicópteros para a coordinación e extinción de incendios, 15 vehículos motobombas e 12 batracios.

O departamento autonómico farase cun total de oito helicópteros de tipo lixeiro destinados á loita contra os incendios forestais ata o ano 2026, por un importe total de 13,4 millóns de euros.

En concreto, contratarase o servizo de seis helicópteros de extinción con dúas brigadas helitransportadas e outros dous helicópteros de coordinación cos seus técnicos correspondentes.

Explican que a través desta nova licitación, a Consellería amplía o tempo de contratación anual dos helicópteros de extinción, pasando de 3,5 a 5 meses ao ano dispoñibles.

Xunto co servizo destas aeronaves, tamén se contratan dúas brigadas helitransportadas compostas por un total de 12 persoas entre técnicos de brigada, peóns condutores, peóns e emisoristas.

Neste senso, aclaran que a Xunta dispón dunha brigada helitransportada propia para este tipo de helicópteros e prevese a creación doutras tres brigadas propias máis.

En canto aos dous helicópteros de coordinación, o servizo tamén inclúe ata oito profesionais entre técnicos coordinadores e técnicos analistas de imaxes e vídeos. Estas dúas aeronaves empregaranse nas tarefas de vixilancia e coordinación dos medios aéreos durante os labores de extinción dos lumes que se producen en Galicia.

Desta forma, o Servizo de prevención e extinción de incendios forestais da Xunta disporá para a próxima tempada de alto risco de incendios dun total de 18 medios aéreos, entre helicópteros de extinción e coordinación e avións de carga en terra. A estes súmanse os cedidos polo Goberno central ata completar unha trintena de aeronaves, do mesmo xeito que na época de alto risco deste ano.

MOTOBOMBAS E BATRACIOS

Por outra banda, a Consellería destina 8,36 millóns de euros á compra dunha trintena de vehículos para o Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, dependente da Dirección Xeral de Defensa do Monte, e coa posibilidade de adquirir ata cinco vehículos máis en 2023.

En concreto, prevese comprar 15 motobombas (que terán unha capacidade mínima para dúas persoas e 3.500 litros de cabida útil de auga) por un importe de 4,2 millóns de euros; así como outros 12 batracios por importe de 4,16 millóns de euros.

Un avión apaga lumes da UME sobrevoa e verte auga sobre o incendio de Cualedro, que queimou 1.535 hectáreas
Un avión apaga lumes da UME sobrevoa e verte auga sobre o incendio de Cualedro, que queimou 1.535 hectáreas | Fonte: Rosa Veiga

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta