Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 09/07/2025 | Actualizada ás 22:00
Vivimos rodeados de obxectos que duran menos do que deberían. Comemos froita envasada en plástico, cambiamos de móbil cada poucos anos, acumulamos bolsas, envoltorios e utensilios dun só uso coma se fosen inofensivos. Ao saír ao campo ou á praia, cada vez custa máis non atopar restos dun estilo de vida que se nos volve invisible. Pero o lixo está aí. E o mar recolle o que a terra xa non dá absorbido. A contaminación mariña é moito máis ca unha bolsa flotando na superficie. É a pegada física dun sistema que produce e consome sen límite. Unha pegada que chega aos fondos abisais, aos peixes que comemos e mesmo aos nosos corpos. Porque os residuos non desaparecen: trasládanse, acumúlanse e transforman o ecosistema mariño nun vertedoiro silencioso. O mar non só recibe o que se verte directamente: é o destino final de todo o que malgastamos.
Para comprender mellor que está a pasar nos nosos océanos e por que, falamos con Jesús Gago Piñeiro, oceanógrafo do Instituto Español de Oceanografía (IEO) con sede en Vigo, especialista en contaminación mariña e membro do equipo que impulsou en España a Estratexia Mariña Europea. Leva décadas estudando o impacto dos residuos no mar, e as súas conclusións son tan claras como incómodas. "O problema é que somos moitos e consumimos moito; estamos nun crecemento expoñencial: nesta época eu consumín dez veces máis enerxía e recursos que todos os meus avós xuntos", resume. "Sen poñer o foco sobre ninguén, eu mesmo teño un móbil, un portátil, unha tablet e no caixón dous ou tres móbiles vellos máis para tirar... E todo iso ten un impacto", advirte, convencido de que o mar está saturado porque o noso modelo de vida é insostible.
MICROPLÁSTICOS, NEUMÁTICOS E REDES QUE SEGUEN MATANDO
Segundo Gago Piñeiro, os microplásticos foron os primeiros en espertar a conciencia social, grazas a estudos científicos e á súa visibilidade mediática. "É verdade que a ciencia tamén funciona por modas, pero o dos microplásticos vai máis aló desas modas: é un problema real", asegura. E lembra que a Directiva Marco sobre a Estratexia Mariña, aprobada en 2008, xa incluía o termo 'microplásticos'. No IEO levan anos facendo estudos sobre estas partículas diminutas en sedimentos, en auga e mesmo en organismos vivos. Así, advirte de que moitas destas partículas son "só visibles ao microscopio, pero tamén as hai visibles ao ollo humano", atopándose mesmo en fluídos humanos. "Houbo artigos que os detectaron en seme, e outros no sangue, polo que, máis aló de que sexa un tema 'de moda' agora mesmo, a preocupación sobre estes contaminantes é real", afirma.
O oceanógrafo cre que a alerta social arredor dos microplásticos saltou de verdade cando se viron plásticos nos estómagos de peixes, ou en pingüíns na Antártida. "Se eses microplásticos chegan á Antártida, podemos estar seguros de que algo vai mal, porque chegan moito máis lonxe de onde se xeran", reflexiona. Pero máis aló dos microplásticos, outros residuos invisibles son os neumáticos: "Fixemos estudos e observamos como se degradan, vendo que rematan nos ríos e, de aí, no mar, soltando compostos tóxicos". Así, insiste en que "toda actividade humana ten un impacto e é o noso deber minimizalo". Xunto a isto tamén suma o problema das redes pantasma. "Os barcos perden redes no mar por distintas razóns, pero esas redes quedan abandonadas e seguen pescando, o cal é un problema moi serio".
GREENWASHING E MEDIDAS COSMÉTICAS
Por outra banda, Gago Piñeiro advirte de que non todo o que se presenta como ecolóxico é útil, amosándose moi crítico co chamado 'greenwashing': "Véndennos como cambio unha cousa que en realidade non significa nada, porque eliminar dous garfos de plástico da comida dun avión está ben, pero é un xesto mínimo, e necesitamos que se tomen urxentemente medidas reais". Por iso, lembra iniciativas que si considera positivas, como o foi "eliminar bolsas de plástico nas tendas, o que supuxo reducir toneladas de residuos de plástico". Pero avisa: moitas outras medidas son só maquillaxe verde. "Moitas veces fanse limpezas no fondo do mar, pero é só márketing" e "nin sequera se nos informa de onde remata o lixo que botamos aos contedores de reciclaxe", exemplifica. E denuncia tamén a contradición do sistema de prezos: "O plástico, que é o que máis contamina, é máis barato que o cartón ou o papel, e iso non pode ser, non pode ser que o que máis impacto ten sexa tamén o máis barato".
A RESPONSABILIDADE NON É SÓ INDIVIDUAL
Para o oceanógrafo, as accións individuais son importantes, pero non poden ser a única resposta. "A cidadanía ten que facer cousas, si, pero sen lexislación nin dirección clara, non haberá grandes avances", sinala. E pon como exemplo o caso das bolsas reutilizables nas froitarías: "Hai bolsas para a froita que se poden empregar moitas veces e custan só uns céntimos, pero esas case ninguén as usa, porque non se incentiva o seu uso nin tampouco se penaliza o seu mal uso". E é que a cuestión económica sempre pesa: "Como pode ser que mercar o zucre nunha bolsa de plástico custe menos que mercalo nunha bolsa de papel? Sendo así a xente sempre vai coller o envasado en plástico, aínda que a diferenza sexa duns poucos céntimos". Neste contexto, advirte tamén do custo real da recollida de residuos: "Moitos concellos pequenos destinan máis do 50 % do seu orzamento ao lixo e, aínda así, se vas a calquera praia ou río galego, atoparás lixo". "Isto é un problema estrutural, non anecdótico", advirte.
EDUCACIÓN, PRESIÓN SOCIAL E RESPONSABILIDADE INSTITUCIONAL
"A xente non se detén a pensar onde vai todo o que usa, pero o certo é que todo vai parar ao mar", di con claridade Gago Piñeiro. E lembra que moitos dos avances ambientais chegaron, precisamente, pola reflexión da xente que derivou en protestas e presión social nas rúas. "Sempre se logrou moito grazas á loita cidadá, e iso é o que hai que seguir facendo: presión e esixencia para que se tomen medidas reais", aposta. Porque o mar, como el mesmo conclúe, non é un espazo afastado. É o espello do que somos como sociedade. Todo o que facemos --ou deixamos de facer-- remata por ter reflexo nel. E, se non mudamos os hábitos, acabaremos rodeados, literal e simbolicamente, dos nosos propios restos. A pregunta non é se o mar pode soportalo todo, senón canto máis podemos ignoralo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.