Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 08/07/2025 | Actualizada ás 22:00
Vivimos nun planeta inmenso, pero vulnerable, cuxa estabilidade depende de equilibrios tan sutís como a densidade da auga a 2.000 metros de profundidade ou a traxectoria dunha corrente mariña entre glaciares. Durante séculos, o ser humano observou a natureza dende a superficie, sen saber que o verdadeiro latexo da Terra producíase nos abismos. Hoxe, con instrumentos capaces de medir a temperatura a través de mamíferos mariños, satélites e robots submarinos, sabemos máis ca nunca. E tamén estamos máis implicados ca nunca. Porque o sistema climático xa non cambia só por si mesmo. A presenza humana, as súas emisións, as súas alteracións sobre a atmosfera e os océanos, están acelerando procesos que antes levaban séculos e agora acontecen en décadas.
Neste contexto, unha parte crucial do que lle pasa ao planeta está sucedendo a miles de metros baixo o nivel do mar, nas augas frías e fondas que rodean á Antártida. Alí, lonxe dos focos, estase reorganizando a circulación global dos océanos. E o que acontece nese fondo escuro e silencioso podería marcar o ritmo do cambio climático durante os próximos séculos. A maquinaria oceánica profunda, que regulou o clima terrestre durante milleiros de anos, está comezando a mudar de réxima, e todo semella indicar que nós temos parte da responsabilidade. Así o explicou o oceanógrafo galego Alberto Naveira Garabato, investigador e catedrático no Centro Oceanográfico Nacional de Southampton (Reino Unido), durante a súa conferencia 'Espertando ao xigante: a Antártida e o abismo oceánico', no marco das xornadas 'Velando pola nosa relación co mar. Os mares dannos vida', organizadas pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC).
CANDO OS MAMUTS CAMIÑABAN POR ASTURIAS
Para entender o que está a acontecer hoxe, Naveira propón retroceder no tempo: "Hai entre 13.000 e 19.000 anos, o clima da Península Ibérica era tan frío que por Asturias e O Incio camiñaban mamuts --tal e como demostran algunhas pinturas rupestres--. Non era un caso illado, senón parte dun ciclo xeolóxico". Esa etapa corresponde á última Idade de Xeo, un período de arrefriamento global que non se explica só pola variación da radiación solar que recibe a Terra. "Aquelas pequenas variacións na órbita terrestre, coñecidas como ciclos de Milankovitch, non eran suficientes para explicar tanto frío", explica. A clave estaba noutro lugar: "Temos que mirar nos arquivos naturais do planeta para comprender esa idade tan fría, e un deles está, precisamente, no xeo da Antártida".
O ARQUIVO QUE DORME BAIXO O XEO
Cada inverno, a neve cae sobre a Antártida en capas que semellan inofensivas. Pero o que se vai acumulando non é só xeo: é historia atmosférica, almacenada con precisión molecular. En capas de neve compactada hai milleiros de anos, os científicos atopan burbullas de aire atrapadas. "Esas burbullas gardan gases da atmosfera do pasado. Podemos medir nelas, por exemplo, canto CO2 había cando esa neve caeu", sinala o investigador. Comparando os niveis de dióxido de carbono coas temperaturas estimadas mediante isótopos de osíxeno, Naveira asegura que ambos factores evolucionan en perfecta sincronía durante o último millón de anos. A baixada do CO2 durante as idades de xeo é clara. Pero, a onde ía entón ese carbono que desaparecía da atmosfera? "A resposta está no fondo do océano", asegura.
O OCÉANO PROFUNDO COMO ALMACÉN DE CARBONO
Cando cae o CO2 atmosférico, o carbono aparece disolto nas augas máis profundas do océano. Para entender como chega ata alí, hai que mirar cara a Antártida. "Este continente está rodeado por unha banquisa de xeo que se expande e retrocede cada ano, pero baixo esa superficie hai un sistema de formación de auga fría e moi salgada que afunde e dá lugar á chamada auga antártica de fondo", explica Naveira. Este fenómeno acontece grazas aos ventos catabáticos, que arrastran aire frío desde o centro do continente ata a costa, formando xeo mariño e expulsando auga moi salgada cara o fondo. "Estas augas, densas e frías, caen como fervenzas oceánicas e dan lugar á corrente que enche o fondo dos océanos do mundo enteiro, dende o Pacífico ata o Índico e gran parte do Atlántico", sinala.
TRES PROCESOS CLAVE QUE ESTÁN MUDANDO
O corazón da charla deste investigador estivo centrado nos tres procesos principais que regulan esa circulación oceánica profunda, e que, segundo indica, están a mudar diante dos nosos propios ollos:
A magnitude destes cambios non é teórica nin pequena. De feito, Naveira ilustrou con forza o que está a acontecer nas profundidades do océano Austral: "O quencemento acumulado nas augas por debaixo dos 2.000 metros é equivalente á enerxía liberada por 15 millóns de bombas atómicas de Hiroshima cada ano". Pero non é só calor o que se acumula: a perda de salinidade provocada polo derretemento do xeo equivale a engadir 28 millóns de piscinas olímpicas de auga doce ao sistema, e a contracción da auga antártica de fondo, esa que mantén o equilibrio térmico do planeta, equivale a perder 36 ríos Amazonas de volume cada ano. "Non estamos falando dun pequeno axuste", advirte. "Estamos falando dunha reorganización global e profunda do océano, que xa está en marcha e que está sucedendo moito máis rápido do que pensabamos que era posible", asevera.
UN OCÉANO QUE SE REESTRUTURA A DÉCADAS
O máis preocupante non é só que estes procesos estean acontecendo, senón a velocidade á que o fan. O investigador sinala que a cela de circulación abisal --ese ciclo profundo de auga-- está contraéndose, e comparou a situación co paso da última idade de xeo ao clima actual: "A diferenza é que aqueles cambios levaron séculos... e agora están pasando en décadas". Ese ritmo de cambio racha co que a ciencia entendía como tempo climático. Durante milenios, os grandes ciclos do océano profundo funcionaron como engrenaxes lentas, regulando a temperatura global e mantendo o equilibrio de gases na atmosfera. Agora, eses mesmos engrenaxes están acelerándose ou deformándose, coma se o reloxo planetario fose forzado a correr máis rápido do que pode soportar. A ciencia empeza a detectar que non só está cambiando o 'que' sucede nos océanos, senón o 'como' e o 'cando', e iso abre preguntas novas, para as que aínda non hai respostas claras.
MAMÍFEROS MARIÑOS COMO OCEANÓGRAFOS
Un dos momentos máis curiosos da charla chegou coa explicación do uso de focas e outros mamíferos mariños equipados con sensores para obter datos no inverno antártico. "Colocámoslles aparellos que miden temperatura e salinidade mentres migran polo océano. En zonas e épocas nas que os humanos non poden chegar alí, son elas as que nos dán os datos", conta Naveira. A escena é case de película: biólogos que se achegan ás focas coma loitadores grecorromanos, lles colocan con coidado uns dispositivos non invasivos, e logo deixan que o animal continúe a súa vida normal. Un ano despois, cando mudan a pel, o sensor cae e os datos viaxan por satélite ata os centros de investigación. A información que achegan é tan valiosa que xa se converteu nunha das ferramentas máis fiables para estudar o océano Austral durante os meses escuros e extremos.
UN SISTEMA GLOBAL, UNHA PREGUNTA INCÓMODA
Coñecido o que está acontecendo, a pregunta é: está todo isto relacionado coa acción humana? O investigador respondeu con cautela, pero con contundencia: "É prematuro asegurar que todo é culpa nosa, pero os indicios sinalan que os cambios nos ventos, o derretemento do xeo e o afloramento coinciden cos efectos previstos polo aumento do CO2 na atmosfera e mesmo polo buraco da capa de ozono". A conclusión é tan poderosa como poética: "O xigante xa non dorme, está espertando, e, mentres esperta, está a cambiar o funcionamento profundo do océano, reorganizando a máquina climática do planeta; o que antes tardaba séculos en acontecer, agora sucede nunha xeración". "Aínda que non estamos seguros de que isto sexa culpa nosa, hai bastantes indicios que nos apuntan a que si o é", conclúe Naveira.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.