O PSdeG tacha de "lamentables" as cifras de execución orzamentaria da Xunta nos primeiros nove meses de 2022: só o 9,2 % nos programas de acceso a vivenda

O PPdeG cre que para falar destes datos os socialistas deberían esperar a que se coñezan as cifras do ano completo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/01/2023 | Actualizada ás 13:50

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, tachou de "lamentables" as cifras de execución orzamentaria da Xunta de Galicia nos primeiros nove meses de 2022 e pediu explicacións ante a "falta de orientación acertada".

Segundo detallou este luns en rolda de prensa, a administración autonómica "executou só o 55 % en protección e promoción social e "un 29 %" en servizos sociais e comunitarios.

Ademais, en promoción do emprego, "medidas como o fomento da empregabilidade só teñen executado o 19 %" ou "Educación, con menos do 60 %". Así mesmo, destacou que no ámbito de programas de acceso a vivenda a execución foi do 9,2 %, algo que cualificou de "sanguento".

Nesta mesma liña, lembrou que a Xunta "cambiou de destino 800 millóns de euros" ao longo do ano 2021. "Isto evidencia que no 2022 a situación vai ser idéntica ou peor. Ao final van conseguir facer un exercicio contable, pero é meramente contable", insistiu.

O portavoz socialista engadiu que isto demostra tamén que "nin son tan bos planificando nin moito menos executando", xa que "hai centos de millóns que van para unha finalidade e ao final non acaban niso".

PROPOSTAS 2023

Así, avanzou que neste 2023 o grupo parlamentario socialista "vai seguir defendendo os intereses de Galicia" a través de propostas e asegurou que serán "especialmente esixentes na petición de explicacións" sobre as cifras "lamentables" de execución orzamentaria.

Deste xeito, Álvarez sinalou que os socialistas impulsarán un "plan galego de loita contra a pobreza", así como as dotacións de persoal sanitario "suficiente" e "protección das persoas maiores ante a insuficiencia absoluta de prazas" en centros de día e residencias.

Tamén subliñou que neste novo ano estarán "moi pendentes" da evolución eólica e industrial, do sector agrario, cárnico e dos produtores de leite, da pesca, ou do transporte.

"Ante unha clara falta de orientación acertada por parte da Xunta, o PSdeG vai seguir apostando por medidas sensatas e reais, desde o respecto institucional, pero desde a convicción de que outra forma de facer política é posible e necesaria", reivindicou.

Álvarez tamén fixo referencia ao discurso de fin de ano de Alfonso Rueda no que, ao seu xuízo, "parece que en Galicia non hai problemas coa atención primaria, nin listas de espera para unha praza en residencias". Neste senso, lamentou que para a Xunta "todo son incidencias puntuais" nestes ámbitos.

O PPDEG PIDE ESPERAR

Pola súa banda, o viceportavoz do grupo parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, pediu aos socialistas que para falar de datos de execución orzamentaria "deberían esperar a que finalice o ano".

En todo caso, convidou a Luís Álvarez a que compare as cifras con calquera administración que goberna o PSOE en Galicia. "Chegará á mesma conclusión á que chegamos nós: todos deberían aspirar á alcanzar polo menos os niveis de execución orzamentaria que está a conseguir o goberno de Rueda", manifestou.

Para Pazos, o Goberno galego é "referente", mentres que as institucións "gobernadas polos socialistas cos nacionalistas teñen uns niveis de execución sensiblemente máis baixos que os que alcanzou o Goberno galego nos últimos anos".

O portavoz do PSdeG no Parlamento de Galicia, Luís Álvarez, en rolda de prensa
O portavoz do PSdeG no Parlamento de Galicia, Luís Álvarez, en rolda de prensa | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta