Dous centros de saúde en Sanxenxo estiveron sen médico en Fin de Ano e atendidos por un equipo "externo ao Sergas"

O persoal médico non dispuña de autorización para acceder ao Ianus, a historia clínica da sanidade galega, así como a prescribir fármacos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/01/2023 | Actualizada ás 18:14

Comparte esta noticia

O PAC da Parda e Baltar, en Pontevedra e Sanxenxo, sufriron este Fin de Ano unha nova carencia de facultativo na súa quenda de noite, o que, segundo denuncian distintas fontes, levou á área sanitaria a contratar dúas ambulancias medicalizadas con persoal "externo ao Sergas" que causou "disfuncións" nestes centros, como son o feito de que o persoal facultativo non estivese autorizado a consultar a historia clínica dos pacientes ou a expedir receitas médicas.

Segundo apuntaron a Europa Press fontes próximas, os equipos chegaron de fóra da Comunidade Autónoma e o persoal médico non dispuña de autorización para acceder ao Ianus, a historia clínica da sanidade galega, así como a prescribir fármacos. A situación xerou protestas entre os usuarios e os propios traballadores destes centros.

En relación a esta mesma cuestión, a CIG-Saúde apuntou que as ambulancias en cuestión cubriron a quenda desde as 15,00 horas do día 31 de decembro ata a 8,00 hora do 1 de xaneiro na PAC de Baltar e A Parda, dado que non había médico neles.

"Estas ambulancias, destinadas a proporcionar soporte vital avanzado, estaban dotadas de persoal técnico de emerxencias sanitarias e de persoal médico, externos ao Sergas e sen autorización para acceder á historia clínica electrónica dos pacientes", apunta a CIG. "Ao non ser contratados polas canles establecidas" para contratación temporal, prosegue o sindicato, "non tiñan capacidade para acceder ao historial" dos pacientes, "nin podían prescribirlles medicación". "E tampouco tiñan potestade para traballar dentro dos centros sanitarios", aseguran.

CIG-Saúde denunciou a "falta de información" sobre estas contratacións, que "dificulta a coordinación entre recursos" á vez que xera "inseguridade para o persoal de Atención Primaria e do 061". Ademais, criticou a "inseguridade" que supón tamén para as persoas atendidas, "xa que os profesionais non podían acceder á historia clínica para a valoración máis adecuada dos antecedentes".

DISPOSITIVO "CORRECTO"

Por parte da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, destacaron que o funcionamento do dispositivo "foi correcto" e que se desenvolveu sen incidencias.

En concreto, a área explicou que se dispuxo de "un dispositivo preventivo na cidade de Pontevedra e Sanxenxo" para este Fin de Ano, un "dispositivo especial" que "contaba con dúas ambulancias medicalizadas situadas cada unha delas nas dúas cidades mencionadas" para "dar asistencia a todos aqueles episodios que puidesen suceder con motivo da celebración da última noite do ano e a maior afluencia de persoas".

Ambulancia do 061. 061-GALICIA - Arquivo
Ambulancia do 061. 061-GALICIA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta