Seis estudantes da UVigo galardoadas nos VII Premios Sofía Novoa sobre perspectiva de xénero

A Deputación de Pontevedra fará entrega dos mesmos o vindeiro venres, 13 de xaneiro.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 05/01/2023 | Actualizada ás 16:36

Comparte esta noticia

A Deputación de Pontevedra entregará o vindeiro venres, 13 de xaneiro, os VII Premios Sofía Novoa cos que se distinguen seis traballos fin de máster e fin de grao presentados por alumnado da Universidade de Vigo (UVigo). Trátase de proxectos que fomentan, consolidan e contemplan a perspectiva de xénero, ademais de visibilizar e homenaxear a figura da pedagoga e música viguesa que dá nome a esta convocatoria.

As alumnas galardoadas foron Raquel Álvarez, de Bueu; Elena Moldes, de Sanxenxo; Alba Fernández e Rebeca López, de Vigo; Nuria Bouzas, de Catoira; e Emma Juncal, de Moaña. Os seus traballos abordan a promoción da igualdade de xénero na educación infantil, secundaria e bacharelato, ademais de reflectir a presenza das mulleres na divulgación científica e a relación entre mulleres e prisión.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, lembrou a transcendencia da figura de Sofía Novoa (que participou na Residencia de Señoritas de Madrid, ligada á Escola Libre de Ensino) para esta provincia, en tanto "no primeiro terzo do século XX foi unha das artífices do programa educativo que fixo posible o acceso á educación superior de moitas mulleres para que puidesen ter formación e ser donas da súa vida", explicou.

Nas sete edicións destes premios presentáronse máis de 132 traballos, con 36 proxectos seleccionados. A esta última convocatoria postuláronse doce, dos cales cinco correspondían a traballos fin de máster e sete a proxectos fin de grao.

Nesta última modalidade, o xurado decidiu entregar senllos premios de 1.000 euros a Raquel Álvarez e a Elena Moldes, ademais dun accésit de 600 euros a Alba Fernández.

Raquel Álvarez presentou 'O traballo por proxectos e o álbum ilustrado para promover a igualdade de xénero en educación infantil', mentres que Elena Moldes desenvolveu o seu proxecto sobre 'Visibilidade e representación da muller na divulgación científica: análise crítica da revista National Geographic en 2020'. Alba García elaborou unha investigación titulada 'Muller e prisión en España', sobre a discriminación das mulleres na execución da pena de prisión.

En canto aos traballos fin de máster, Nuria Bouzas e Rebeca López recibirán outros 1.000 euros por senllos proxectos sobre 'O álbum e a novela gráfica como recurso didáctico para unha educación en igualdade na ensinanza das artes plásticas de secundaria' e 'Proposta de dicionario feminista de termos cinematográficos para o profesorado de bacharelato', respectivamente.

Emma Juncal obtivo 600 euros por 'Análise dos estereotipos de xénero no alumnado de Educación Infantil enmarcado nas ciencias experimentais'.

Sofía Novoa
Sofía Novoa | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta