A tiro limpo

Nesta quincuaxésimo sexta entrega de Viaxes sen Lee, o explorador emocional Gabriel Rei-Doval testemuña o poder das armas no suroeste de Oregón

Por Gabriel Rei-Doval | Coos County (Oregón, USA) | 15/01/2023 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Conta a lenda Siwash que o Grande Espírito enfrontou dificultades serias para crea-los seres humanos. Segundo a tradición nativoamericana, Tyee Sahale fixo primeiro dous corpos de arxila de ámbolos sexos, mais quedáronlle pálidos e enviounos á vella Europa. Nun segundo intento, o Grande Espírito deixounos secar ó sol e puxéronselle amarelos, polo que os mandou a Asia. Nunha terceira tentativa, meteu os deseños no forno, chamuscáronselle e deulles pasaporte a África. Mais despois de tan sonoros fracasos, no cuarto ensaio o Grande Espírito conseguiu os seres humanos perfectos e velaí xurdiu a etnia nativoamericana.

Fácil acceso ás armas en North Bend, Coos County
Fácil acceso ás armas en North Bend, Coos County

Sería media mañá cando parei na 101 para dar de beber a Auris e estira-las pernas. Alí, en Yachats, atoparan unha palloza con restos humanos que documentaban as orixes nativoamericanas de Oregón. Acabei batendo cunha casa de planta baixa acabada en pedra preto duns rochedos afiados, onda o Pacífico. No porche da casa, deitada nunha hamaca branca, xacía Nina, muller de mediana idade, cabelo canoso, fronte alta e voz de mando militar. Respondeu ó meu sorriso silencioso cun monólogo tóxico sobre interaccións veciñais. Para mostrar distancia mantiven o labio superior ríxido, mais Nina sentiuse habilitada para seguir desairando Peter con ton linguarateiro e ollos avermellados. Por algunha razón ignota tomoume por confesor de frustracións, ou se cadra parecinlle receptáculo anónimo para a súa xenreira estancada. Comezou a metrallar palabras atravesadas sobre o patrimonio do seu veciño e comecei a visualizar arredor dela unha membrana antiga, danada e enredada no cerne do seu ser.

De Peter, antropólogo tututni nunha universidade do Pacífico, aborrecía, ademais do seu espírito viaxeiro, a capacidade verbal e maila virilidade alternativa do seu paradigma masculino. Sen dar eu sinal de aprobación ningún, continuou a vomitar maledicencia de rueiro polos cóbados. Peter anulaba as normas caducas dos seus prexuízos resesos. Polo visto, compartía a súa vida cunha loira de trazos caucásicos, humor irredutible e sorriso perenne, que Nina consideraba simple tapadeira da súa homosexualidade. Cavilaba nas profundidades do odio ó diferente e mailas orixes daquel rustrido de frustración vital, xenreira ós éxitos alleos e zuna racial que Nina rebozaba con estereotipos caducos. Os camiños da envexa son certamente inescrutables.

Aquela experiencia oregoniana fíxome tamén cavilar nas causas derradeiras dos reiterados encontros con personaxes pezoñentas, como se a miña aprendizaxe viaxeira estivese aínda incompleta. Mais tanta sombra cazadora virara excesiva naquel sábado soleado e decidín cortar de raíz o neurótico discurso de Nina. “A xenreira tamén pode tratarse no sistema sanitario de Oregón” -espeteille- ó que Nina respondeu de xeito asemade expeditivo, facendo visible o Winchester 1894 que ocultaba baixo un feixe de The American Conservative. Pareceume o momento axeitado para, co depósito cheo, continuar ruta ata North Bend, cerne da tribo Coquille que habita o condado Coos desde os tempos de Tyee Sahale.

Hai catro séculos Sir Francis Drake procurou abeiro para o seu Golden Hind en North Bend co gallo de evita-los rigores de Cape Arago. Preguntábame se foi entón cando o lado escuro invadiu aquelas terras, se tan funesto imperio chegaría coa febre áurea trala arribada do Capitán Lincoln en 1852 ou se a infausta honra lle correspondería ó florecemento da construción de cazaminas para a Segunda Guerra Mundial. 

As ondas do Pacífico batendo en Yachats, Oregón
As ondas do Pacífico batendo en Yachats, Oregón

Nesas vaguidades estaba ocupado o meu maxín cando o estómago se me declarou oficialmente baleiro, xusto no limiar de North Bend. Había un lugar para aparcar onda Bayside Emporium, unha tenda ecléctica onde tanto se podían atopar rifles con mira telescópica e guitarras eléctricas coma pistolas de peto e moedas para coleccionista. De alí saíu Hulk, coas súas patillas e mostacho branco en u invertido, pano negro á cabeza e gafas fashion de moteiro. Pregunteille por un lugar para xantar e respostou cun lacónico follow me. Camiñei canda del por Sherman Avenue ata chegarmos a Chan’s Wok, onde me sinalou coa punta do seu revólver a entrada. Non atopei calexón estreito por onde escapar mentres Hulk agarraba o meu brazo coa mesma determinación con que empuñaba a madeira do seu Heritage Mfg Rough Rider.

Mentres cavilaba na barra en como fuxir daquel personaxe pediu dúas xerras de Budweiser, ó que non me deu tempo obxectar que os meus riles eran alérxicos ó pipí de morcego que chantaron na barra. Mentres falaba da colección de rifles de asalto que tiña gardados no alprende da casa simulei ataques de impo reiterados, que el ignorou con desleixo. E, sen darlle tempo a reaccionar, deitei un billete de dez na barra, saltei da cadeira elevada berrando que un municipal multaba autos en Sherman Avenue, crucei ás carreiras a rúa e desaparquei Auris a fume de carozo cos pneumáticos a todo rechiar. 

E, mentres Auris aceleraba, entroume a mensaxe de Chuck no móbil: Rob quixera entrar a tiro limpo no seu apartamento. A escura noite de Rob caera sobre o Conde de Monte Olimpo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA