Farmacéuticos recoñecen que "non está a ser fácil" atopar certos medicamentos, pero chaman á calma

Ibuprofeno e paracetamol efervescentes, a amoxicilina, mucolíticos e antigripais concretos, entre os medicamentos que escasean

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/01/2023 | Actualizada ás 19:44

Comparte esta noticia

Nun contexto de alta incidencia de virus respiratorios e arrefriados, as farmacias galegas atópanse con "dificultades" de abastecemento de antigripais, mucolíticos e analxésicos concretos, pero chaman á calma da cidadanía porque "ao final, a solución atópase" dunha maneira ou doutra.

Así o asegura a Europa Press o presidente do Colexio de Farmacéuticos de Ourense, Santiago Leis, que explica que é un problema que vén desde hai meses, pero que "está controlado de certo modo". "Adoitamos ter substitucións", asegura, aínda que en todo caso os médicos "poden prescribir un cambio de tratamento".

O ibuprofeno e o paracetamol efervescente, a amoxicilina pediátrica, algúns ansiolíticos, os colirios, o antigripal Ilvico, o jarabe mucolítico Mucosan e o inhalador nasal Avamys están entre os produtos dos que as apotecas galegas, igual que en toda España, botan en falta un maior 'stock'.

De feito, de acordo cos colexios consultados por Europa Press, a Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios do Ministerio de Sanidade informa este mesmo xoves de 667 medicamentos con problemas de subministración.

O presidente dos farmacéuticos ourensáns explica que esta situación é "multifactorial", desde o contexto internacional "incerto", pasando pola escaseza de materias primas e ata a alta demanda por parte da cidadanía que tamén ten o seu reflexo na presión asistencial que este inverno afecta as urxencias do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

"NON HAI QUE PREOCUPAR Á CIDADANÍA"

En calquera caso, Santiago Leis insiste en que "non hai que preocupar á cidadanía" porque adoita haber solucións como pedir ao médico un cambio de tratamento ou ofrecer un xenérico. Xunto a isto, menciona a ferramenta 'Pharmahelp', un sistema de comunicación entre farmacias que permite consultar a negocios próximos sobre as existencias dun medicamento concreto, para que así os pacientes poidan atopalo.

Por parte do Colexio de Farmacéuticos da Coruña, Paula Briones, unha das integrantes da xunta directiva, recoñece que "non está a ser fácil" atopar certos produtos e óptase por cubrilos "a maior parte das veces con xenéricos, aínda que ás veces é imposible".

Briones tamén apunta á ferramenta 'Pharmahelp', que "nestes momentos funciona constantemente para tentar localizar medicación" da que adoita haber dificultades. "É unha forma de axudar ao paciente", destaca a farmacéutica. Así mesmo, está a opción de botar man de medicación estranxeira homologada polas autoridades sanitarias para estes casos de escaseza.

En Lugo, o vicepresidente do Colexio de Farmacéuticos, Manuel Barreira, relata a Europa Press como na provincia notan que "aumentou bastante o consumo", o que leva a que "puntualmente" haxa problemas de subministración. "Sempre houbo problemas" ao chegar o inverno, pero "quizá agora van aumentando máis".

En calquera caso, na liña dos seus compañeiros, afirma que hai "alternativas", fóra de produtos únicos "que non teñan substitutos". Tamén pode ocorrer, como é o caso actual, que a Administración sanitaria "autoriza excepcionalmente cambiar a forma farmacéutica". Por exemplo, en lugar de vender un medicamento en sobre tal e como o recetó o médico, ofrecelo en comprimidos.

Farmacia. COFG - Arquivo
Farmacia. COFG - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta