Que mercamos e a quen

Todos os pronósticos agoiran un incremento do consumo este mes de nadal. Para os produtores galegos estas expectativas non serán tan boas como para os foráneos. Por varias razóns. Unha delas é que nas grandes superficies escasea a presenza do noso. É ben sabido que as canles de comercialización están nas mans das grandes industrias, mentres que as nosas industrias de transformación, máis anémicas, teñen dificultades para competiren con esas grandes ofertas nos grandes escaparates comerciais.

Por Xosé Glez. | Redondela | 09/12/2014

Comparte esta noticia
Os consumidores galegos procuran prezos máis asequibles que van engrosar as contas de resultados desas grandes empresas que invaden os nosos mercados.O que pode ser unha vantaxe para a economía familiar convértese nun drama. Ese proceder vai en detrimento da nosa economía coa desaparición de moitas industrias de transformación agraria e a desaparición de postos de traballo.  A crise do agro galego  ten, xa que logo, é por mor da deslealdade dos consumidores galegos que prefiren o alleo e desprezan o propio.
 
Desde hai varios anos o Foro E. Peinador e Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros veñen espallando polas redes sociais un anuncio publicitario (www.galeguizargalicia.tv)  chamando ao consumo responsable que consiste en dispensar  preferenza polos produtos criados nas nosas explotacións e transformados por industrias e adegas, ao tempo que insiste na oportunidade de escoller aquelas marcas  etiquetadas en lingua galega. A mensaxe é dobre: por unha banda convencer  ás empresas das vantaxes de os referenciaren nela, e , pola outra, aos consumidores porque son imprescindibles para faceren posible ese cambio lingüístico e viables as nosas estruturas produtivas.
 
O chamamento vai dirixido a todos os galegos e galegas sen distingo. Pero se vostede que está a lerme forma parte desa franxa da cidadanía implicada na defensa da nosa identidade, está obrigado a facer unha  demorada reflexión sobre os hábitos de consumo propio e familiar, para modificalos na dirección que apuntamos.O Partido Galeguista en tempos da IIª república tiña o discurso ben elaborado, por iso pregoaba: “Quen, na mesa, bebe viños alleos distintos dos nosos Ribeiros, Valdeorras ou espadeiro, ademais de non teren bo gusto, forxa a escravitude de Galicia; quítanlle un anaco de pan aos nosos irmáns campesiños e favorecen aos que despois de enriquecérense a nosa conta, despréciannos e combátennos.” Chamamento  que aínda segue a ter vixencia, porque se non temos soberanía alimentaria seremos dependentes.
 
Os nosos sindicatos agrarios e partidos políticos, que tantas loitas teñen levado a cabo para defenderen sectores estratéxicos como o lácteo ou o vitivinícola, non desenvolveron parella loita procurando aliados para o mantemento destas industrias con imaxinativas campañas chamando á solidaridade das nosas grandes urbes , que é onde se concentra a maior parte da poboación e do consumo.
 
É tempo de reflexionarmos e actuar con coherencia modificando os hábitos de consumo. Cómpre abrir un debate nos espazos máis inmediatos a nós para crear unha nova conciencia de galeguidade. As sortes da nosa economía e lingua van parellas. O futuro depende da actitude dos consumidores que  poden condicionar a orixe e idioma da oferta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA