Califican de "ilegal" que a Xunta permita compatibilizar a sanidade pública e privada

A Asociación en Defensa da Sanidade Pública está "á espera" das conclusións do consello técnico de Atención Primaria constituído por mor da crise covid.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/01/2023 | Actualizada ás 13:15

Comparte esta noticia

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) cualifica de "ilegal" a intención da Consellería de Sanidade para flexibilizar o réxime de compatibilidades para os médicos que, ademais de traballar no Servizo Galego de Saúde (Sergas), poidan exercer en clínicas privadas, mesmo concertadas.

Así o asegura a AGDSP nun comunicado, despois de que Sanidade confirmase que traballa, tras a reunión en decembro co Consello Galego de Colexios Médicos, nunha instrución para facer máis laxa a interpretación das incompatibilidades.

"Chama a atención", asegura este colectivo, que "cada vez que a Xunta toma decisións sobre a sanidade pública sempre é para privatizala ou desmontala, pasando recursos humanos e económicos ás corporacións sanitarias privadas". Neste contexto, a AGDSP acusa o Goberno galego de "retorcer a legalidade para ceder aos centros privados os xefes de servizo e especialistas" do Sergas.

Ao seu xuízo, a lei estatal de incompatibilidades de empregados públicos "é moi clara" e os médicos do Sistema Nacional de Saúde "non poden cobrar dous salarios públicos", polo que os facultativos do Sergas "non poden traballar en ningún centro concertado".

A proposta da Xunta, que será trasladada proximamente nunha nova reunión --aínda sen data-- cos colexios médicos, pasa por permitir que os profesionais exerzan na concertada sempre que non atendan a pacientes derivados do Sergas. Con todo, a Asociación en Defensa da Sanidade Pública advirte que isto provocará "conflitos e favoritismos".

Xunto a isto, censura a petición --tanto dos colexios como do sindicato O'Mega-- de que os facultativos que compatibilicen poidan cobrar o complemento específico que agora non teñen recoñecido por non estar exclusivamente na pública: "Xa é un despropósito". Así mesmo, a AGDSP denuncia que esta decisión é tamén "inexplicable" pola falta de médicos no sistema público "e as enormes listas de espera" que se incrementaron durante a pandemia.

Traballadores médicos do Sergas
Traballadores médicos do Sergas | Fonte: Rosa Veiga

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta