Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/01/2023 | Actualizada ás 18:46
A Asociación Hostalaría Compostela expresou este venres, tras unha reunión dos socios, o seu desacordo cos horarios e o servizo de recollida de lixo que propón o Concello de Santiago.
A proposta enviada pola concellaría responsable consta dun plan de recollida para os residuos orgánicos e fracción resto a partir das 23,30 horas de luns a venres e das 24,00 horas os fins de semana; papel e cartón desde as 20,30 horas; envases lixeiros desde as 20,00 horas e vidro igual que vén facendo.
No entanto, segundo os hostaleiros, os horarios que se propoñen "non se adaptan ao traballo" do seu sector nin "á vida social de Compostela", á vez que as frecuencias de recollida "non son as adecuadas para o volume de lixo que se xera".
Ademais, apuntan, os colectores "non son os apropiados". Como exemplo, explicaron que "as garrafas nas que veñen moitos dos produtos de hostalaría nin sequera caben neles", dixeron desde a asociación, que pediu que se teñan en conta as particularidades "diversas".
A reunión concluíu coa decisión de que seguirá activa a mesa de traballo proposta pola Asociación Hostalaría Compostela aberta a todo o colectivo. "Esperamos que este esforzo teña os seus froitos polo benestar do planeta, dos nosos equipos e dos veciños", dixo o presidente, Thor Rodríguez.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.