Iván Puentes: "Nin o BNG nin Lores dan xa máis de si e están esgotados"

O candidato socialista en Pontevedra lánzase a por unhas eleccións "históricas e ilusionantes" nun acto no que participa a cúpula do PSdeG.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 28/01/2023 | Actualizada ás 17:08

Comparte esta noticia

Unhas 400 persoas asistiron ao acto de presentación da candidatura do socialista Iván Puentes en Pontevedra, nun acto histórico que contou coa presenza de cinco dos alcaldes das sete grandes cidades de Galicia e de tres das catro deputacións provinciais e que contou coa asistencia dunhas 400 persoas.

Presentación da candidatura do socialista Iván Puentes en Pontevedra
Presentación da candidatura do socialista Iván Puentes en Pontevedra | Fonte: remitida

ván Puentes subliñou durante a súa intervención que os veciños e veciñas de Pontevedra teñen o 28 de maio "unhas eleccións históricas e ilusionantes" nas que deberán elixir entre "seguir durmidos como cidade outros catro anos ou espertar; resignación ou esperanza; pasado ou futuro, BNG ou PSOE, Puentes ou Lores... Non hai máis alternativa!".

Así, asegurou que, nun contexto no que "tódalas enquisas e ata os seus propios militantes din que o candidato do PP non vai ser alcalde" e no que "nin o BNG nin Lores dan xa máis de si e están esgotados", o Partido Socialista "é a única alternativa real, fiable, con experiencia de goberno demostrada", capaz de "abrir un novo tempo, que lle meta unha nova marcha a Pontevedra e nos sitúe no mapa do futuro". "Non vin aquí -afirmou- a perder o tempo nin a poñer a miña foto nun cartel".

"Vívese ben e moi cómodo nesta cidade da que moitos estamos profundamente namorados, pero non nos podemos permitir o luxo de pasar outros catro anos nos que a única incógnita, o único reto da cidade, sexa saber o nome da próxima rúa que se vai peonalizar", indicou. "Estas non son unhas eleccións máis. Son unhas eleccións decisivas, transcendentais para decidir que queremos que sexa Pontevedra durante as vindeiras décadas", engadiu.

Nun acto que tivo un respaldo sen precedentes na cidade, Iván Puentes estivo arroupado polo secretario xeral do PSdeG-PSOE e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e polos alcaldes e alcaldesas socialistas en varias das principais urbes de Galicia: Inés Rey, na Coruña; Lara Méndez, en Lugo; Xosé Sánchez Bugallo, en Santiago; Ángel Mato, en Ferrol, e Alberto Varela, presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), en Vilagarcía.

Baixo o lema 'A Pontevedra que vén', o evento contou ademais coa presenza da tenente de alcalde de Coruña; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o secretario provincial do partido, David Regades; a secretaria da Agrupación Socialista de Pontevedra e subdelegada do Goberno, Maica Larriba, e mailo candidato socialista á Alcaldía de Ourense, Paco Rodríguez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Moine

Os que estades esgotados sodes vós, que sempre estades olhando cara Madrid na espera das ordenes que os dictem para nos seguir colonizando.

2 Xanc

Que alguén lle explique a este home que o inimigo son PP e Vox

1 Gamela

Secretaria da Agrupación Socialista de Pontevedra e subdelegada do Goberno Maica Larriba. Non se cortan un pelo. A responsable última de sancionar con multas gubernativas aos cidadáns, é á vez Secretaria dos Socialistas de Pontevedra (?) E parécelle ben a todo o mundo (?) É dicir, o brazo ejecutivo do Goberno en Pontevedra, forma parte da trama política local... Cando fagades un recurso contra calquera sanción, acodádevos de poñer como descargo que sodes membros do Partido Socialista ! Ao fin e ao cabo foi o dixo o Funcionario Xubilado Orúe cando solicitou o Indulto (5 anos polo caso Cuñada) que levaba 30 anos afiliado ao PSOE ! Así van as cousas por Vigo e Provincia !