Errar é tan humano

Na miña casa sempre fomos moito de refráns e de ditos. Lémbrome dalgunhas tardes que quedaba coa miña aboa e lle pedía que me dixera refráns, que eu ía apuntando nunha libreta.

Por Emilio Martinez | A Coruña | 03/02/2023

Comparte esta noticia
Os refráns pareceron sempre unhas marabillas de sabedoría popular, unhas poucas verbas nas que se condensaba a experiencia das xentes do común, eran a forma de que esas experiencias perdurara no tempo e se transmitiran de xeracións en xeracións. Á miña nai, cando era un adolescente, escoiteille moitas veces un refrán, dirixido a min: “De humanos é errar, de sabios é rectificar”. Teño que recoñece que eu facía gala dunha importante dose de terquedade, e que me costaba recoñecer os meus erros. A miña nai tentaba inculcar en min esa rara virtude que nos leva a dubidar de nos mesmos, e daquilo no que estamos convencidos, e estar sempre dispostos a recoñecer e a rectificar.
 
Hoxe á miña nai dígolle que ese refrán non o repita en voz alta fora da casa, non vaia ser que chegue a non se sabe que oídos e  acabe na picota dixital na que acaban todos os que se atreven a cuestionar unha decisión ou norma emanada dos ministerios de Igualdade ou Benestar Social. Para exemplo o acontecido con Manuela Carmena que nunha entrevista publicada en El País, o pasado 18 de xaneiro, atreveuse a verbalizar o que unha boa parte da sociedade pensa “Non corrixir a “lei do si é si” é soberbia infantil”. Os adxectivos que a ex-alcaldesa de Madrid recibiu dende as filas do podemismo non incluían chamala “bonita”.
 
A Lei Orgánica 10/2022, de 6 de setembro, de garantía integral de liberdade sexual, é sobre todo unha lei necesaria. Unha lei que aborda un problema real, e encamiña o desenvolvemento de solucións ante cuestións tan importantes como a necesidade de contar cunhas políticas decididas de prevención dos delitos sexuais, programas de acompañamento e asistencia ás vítimas,  de formación aos diversos estamentos que interveñen nos procesos: policías, xuíces e persoal sanitario e de asistencia, entre outros, ou a sensibilización social.  O preámbulo da lei recolle algunhas frases que significan un avance moi importante na compresión destes delitos: “As violencias sexuais non son unha cuestión individual senón social; non se trata dunha problemática conxuntural senón estrutural, estreitamente relacionada cunha determinada cultura sexual arraigada en patróns discriminatorios que debe ser transformada”.
 
Pero esta lei, mais alá das boas intencións que están detrás dela é unha lei imperfecta, que debería ser modificada para corrixir os efectos non desexados detectados dende a súa entrada en vigor en outubro pasado. Aínda que tal vez para as persoas que promoveron a lei todo está ben.
 
Dende a súa entrada en vigor foron sucedéndose as excarceracións de condenados por diversos delitos sexuais. A disposición final cuarta da lei modifica o Código Penal, creando novos tipos penais e fixando os rangos de penas de xeito  que en moitos casos as penas mínimas son inferiores as establecidas anteriormente para determinados delitos. Un exemplo: a pena mínima no caso dunha violación con penetración pasa de seis a catro anos, unha redución dun terzo.
 
Sen pretender debullar as ducias de casos dos cales os medios de comunicación se van facendo eco, a modo de exemplo citarei un par deles: o dixital El Diario, pouco sospeitoso de conivencia coa dereita política ou xudicial, recollía,  o 25 de xaneiro, a posta en liberdade dun criminal condenado inicialmente a 15 anos de cadea que vira como a pena quedaba reducida a seis e medio anos pola modificación do Código Penal e sobre o que os servizos penitenciarios advertían do alto risco de reincidencia. O mesmo día La Voz de Galicia informaba da rebaixa da pena a un pai que abusou reiteradamente da súa filla menor de idade.
 
As críticas ás consecuencias da aplicación da lei pronto se fixeron notar e a resposta por parte da ministra impulsora da norma consistiu en responsabilizar aos xuíces e xuízas, aos que non dubidou de acusar de faltos de sensibilidade, descoñecedores da lei, faltos de formación... Ata a progresista asociación Xuíces e Xuízas pola Democracia tivo que saír ao paso das grosas afirmacións da ministra Montero para deixar claro que eses xuíces e xuízas estaban, simplemente, aplicando o previsto nas bases do noso ordenamento xurídico, é dicir, aplicando as condicións mais beneficiosas ao penado, xa que un dos casos nos que a lei é de aplicación retroactiva é naquel caso no que esa retroactividade significa un beneficio para o condenado. Algo perfectamente coñecido e totalmente consolidado na xurisprudencia. 
 
No medio da situación creada, pouco agradable para o goberno, a Secretaria de Estado de Igualdade, Angela Rodríguez, permitiuse facer brincadeiras, nun acto público, sobre a cuestión, poñendo en evidencia tanto a súa falta de empatía coas vítimas como a súa incapacidade para o exercicio do cargo de ostenta, ademais da súa falta de visión política (cando metes a pata o mellor sempre é non facerse notar durante unha temporada).
 
En medio da polémica, na que uns dias o goberno di que vai modificar a lei, e outros días día que xa non fai falta, (ou din as dúas cousas o mesmo día, dependendo de quen fale) El Faro de Vigo publica, o 22 de xaneiro, unha entrevista cunha das redactoras da lei, a catedrática de Dereito Penal da Universidade da Coruña Patricia Faraldo. O titular da entrevista é o seguinte: “Sabiamos que algunhas penas baixarían pero castigar mais non protexe mellor á vítima” (un inciso a min sempre me queda a dúbida de si castigar menos protexe á vítima, pero diso nunha se fala). O xornalista pregúntalle: “Entón sabían que había condenados que se poderían beneficiar de iso?”. E a resposta non deixa lugar a dúbidas: “Si, o que non sabíamos era a repercusión que ían a ter nos medios de comunicación ante algo que é absolutamente normal en todas as reformas penais”.  A profesora Faraldo, unha investigadora excelente pero pouco habituada á política, coa súa candidez desmonta nunha frase toda a argumentación exculpatoria da ministra de Igualdade, deixándoa en non moi bo lugar: ben por descoñecedora, de forma interesada, das consecuencias da lei que promoveu ou ben como mentireira. O Ministerio de Igualdade era perfectamente consciente de que a aplicación da lei significaría a rebaixa de penas a decenas de delincuentes, pero iso non se considerou un problema, nin para Unidas Podemos nin para as outras organizacións políticas que no Congreso e no Senado apoiaron a lei.
 
Mais alá da rebaixa de penas a consecuencia da aplicación da lei, a discusión de maior transcendencia sobre a coñecida popularmente como “lei do so si é si” é si as novas penas que fixa son as adecuadas ou non. Deben rebaixarse os mínimos tal e como os fixa a lei actualmente, deben retrotraerse á situación anterior, ou deben, incluso aumentarse, ou diminuírse mais, por exemplo en vez de penas de cadea os castigamos sen xogar cos videoxogos un par de semanas...?. Todos e todas estaremos de acordo en que as penas deben ser equilibradas, pero... onde está o equilibrio?.
 
A lei do “so si é si” ten unha importante carga ideolóxica, con grande parte dela concordo, pero non con toda. 
 
A lei é unha lei centrada nas vítimas, o que é positivo, pero deixa nun moi segundo plano a persecución e castigo aos delincuentes. A profesora Faraldo é tamén moi clara sobre este tema, e a súa posición deixa pegada na lei. Na entrevista pregúntalle “Un Código Penal con castigos severos desincentiva a comisión dos delitos”. A resposta é a seguinte: “Os delincuentes non adoitan saber cales son as penas previstas para os delitos que comenten. Ou sexa que non, non o creo”.
 
E sobre este tema non me queda outra que mostrar o meu total desacordo. Parto, dende logo, do principio de equilibrio das penas en relación ao delito cometido, pero debemos lembrar que estamos a falar de agresións sexuais, non de roubar uns calcetíns en Zara, agresións ás veces cometidas de formar salvaxe, ou tendo como vítimas a menores (todo elo contemplado nas penas recollidas na lei). Pero nese contexto eu opto pola severidade. As penas son, si, castigos, entendo que merecidos, pero as penas tamén reflicten os valores da sociedade. Penas menores significan que o valor que a sociedade lle da ao ben a protexer é menor. Por exemplo, é trátase dun caso extremo, a forma na que os violadores son penados en moitos países islámicos é a obriga de casar coa muller violada (en Marrocos ata 2014, en Paquistán o mes pasado...). Todos sabemos o valor que neses países se lle da á muller, apenas algo mais que un obxecto... As penas son un mensaxe, un aviso, e como tales teñen tamén efecto disuasorio.
 
Si o problema é que as penas non son coñecidas polos delincuentes porque entón non se fan campañas para que se saiba cales son?. Por que en vez de facer campañas nas que se culpabiliza ás mulleres das agresións que sofren, como a última da Xunta de Galicia, non se fan campañas nas que se diga directamente algo así como: “Machote, como te pases un pelo agárdanche seis anos na cadea, e o que pase nas duchas non é cousa nosa...”. Xa sei que me paso coa contundencia da mensaxe pero é por poñer un exemplo... aínda que teredes que concederme que é ben doado de entender, non?.
 
Estou convencido de que a Lei Orgánica 10/2022, é en esencia unha boa lei pero debe ser modificada no referente ás penas. Pero recoñecer os erros, o di o refrán, é cousa de sabios e sabias, e seguramente, cando dar ese paso depende de persoas como, entre outras, Ángela Rodríguez, ai está o problema. 
 

A ministra de Igualdade, Irene Montero,
A ministra de Igualdade, Irene Montero, | Fonte: Eduardo Parra - Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.