Hai xa máis de medio século, cando o escritor estadounidense Stephen King escribiu as tres primeiras páxinas da súa emblemática novela “Carrie”, axiña as engurrou por mor dun estado de ánimo cheo de decepción, para acto seguido, tiralas tristemente ao cubo do lixo.
Ao día seguinte, a súa muller Tabitha, topouse con aquelas tres follas. Leunas e díxolle a King: “Isto é algo importante; creo de verdade que é así”. Así pois, durante os días e as semanas seguintes, Tabitha animou e aconsellou ao seu marido, dándolle recomendacións sobre como escribir, como narrar as circunstancias dunha moza adolescente, Carrie, unha rapaza de aparencia “insignificante”, acosada insistentemente polos seus compañeiros e compañeiras de instituto.
Por aquel entón, o contexto económico da familia King era verdadeiramente lamentable: vivían nun desconsolado remolque e posuían un coche vello, completamente oxidado. Tabitha traballaba nun local de venda de donuts e Stephen impartía clases de inglés nunha escola privada de ensino secundario. A punto estiveron de pedir a axuda de beneficencia ao Estado, pero Tabitha sempre creu na literatura do seu marido, ata o punto de chegar a dicirlle que ela dobraría horarios de traballo, con tal de que el puidese dedicarse en exclusiva á súa novela.
O borrador final de “Carrie” foi rexeitado por ata 30 editores, pero finalmente un, o editor da editorial Doubleday, Bill Thompson, ofreceulle un adianto de 2.500 dólares para publicar o libro. King utilizou eses cartos para trasladar á súa muller e os seus tres fillos a un apartamento de catro habitacións. De súpeto, tiñan diñeiro para comprar comida, ter teléfono e auga quente todos os días. O que segue xa é historia: “Carrie” vendeu máis dun millón de exemplares no seu primeiro ano a pesar de que a crítica non estaba convencida da calidade da novela, á vez que New York Times mostrouse impresionado, tendo en conta que se trataba da primeira novela dun autor completamente descoñecido (o crítico literario de Booklist chegou a dicir: “É puro lixo, pero encantoume”.
Stephen King, decimonoveno autor máis vendido de todos os tempos, gañou a Medalla da Contribución Distinguida ás Letras Americanas no ano 2003 e foi convidado ese mesmo ano para falar nos National Book Awards, un dos premios literarios máis importantes e influíntes dos Estados Unidos.
Durante a súa intervención contou o seguinte: "Se a miña muller me dixera, aínda que fóra con amor, amabilidade e xentileza... que chegara o momento de aparcar as miñas ambicións e manter á miña familia, faríao sen rechistar. Pero nunca se lle pasou pola cabeza. E se abres calquera edición de “Carrie”, lerás a mesma dedicatoria: Isto é para Tabby, que me meteu nisto e logo axudoume a saír”.
E é que sempre foi fundamental rodearse de xente que crea en ti para así lograr os teus propósitos, para continuar adiante, fáganse ou non os teus soños realidade.