A Xunta adquire o patrimonio cultural da Casa de Galicia en Montevideo por 18.000 dólares

Fora intervida a finais de outubro de 2021 polo Goberno uruguaio polo "alto nivel de endebedamento"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/02/2023 | Actualizada ás 17:13

Comparte esta noticia

A Xunta deu a coñecer este mércores o peche da compra dos bens culturais da Casa de Galicia de Uruguai, en Montevideo, por un total de 18.190 dólares. Entre as obras do loto destaca a coñecida como 'A Santiña' de Luís Asorey.

Segundo trasladaron fontes da Consellería de Cultura a Europa Press, aínda quedan por pechar algúns detalles da operación, entre eles o destino das diferentes pezas e elementos. Así, indicaron que, en todo caso, "concretásense pronto".

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, xa confirmara hai dúas semanas no Consello da Xunta que a compra estaba "practicamente pechada" e que a idea inicial é que as obras permanezan en Uruguai, vinculadas á emigración.

A Casa de Galicia en Montevideo, creada por emigrantes galegos en 1917, fora intervida a finais de outubro de 2021 polo Goberno uruguaio polo "alto nivel de endebedamento" e os anos de perdas acumulados, ata que finalmente pechou en marzo do pasado 2022.

Así mesmo, o Parlamento de Galicia aprobou en abril por unanimidade unha Proposición Non de Lei na que se solicitaba ás autoridades de Uruguai que tomen "todas as medidas necesarias" para garantir a protección e integridade do patrimonio cultural, artístico e histórico da entidade.

Ana Miranda xunto aos afectados polo peche da Casa de Galicia de Montevideo, en Uruguai. BNG
Ana Miranda xunto aos afectados polo peche da Casa de Galicia de Montevideo, en Uruguai. BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta