Denfensa de Pedro Puy aos proxectos eólicos da Xunta: "respectan o que marca a lei"

O portavoz do Grupo Popular reivindicou o traballo que está a facer Alberto Núñez Feijóo como presidente do Partido Popular. "A oposición que fai é con alternativas e propostas".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/02/2023 | Actualizada ás 19:06

Comparte esta noticia

O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, defendeu que "todo o desenvolvemento do sector eólico que leva a cabo a Xunta de Galicia realízase polas canles que marca a lei e conta co beneplácito da Asesoría Xurídica".

Así se expresou nunha entrevista concedida a Radio Nacional de España e recollida por Europa Press, onde remarcou a "profunda división" existente entre os grupos da oposición respecto ao sector eólico. "Temos críticas por parte do BNG de estar indo moi lonxe, mentres que o PSdeG critica a lentitude no desenvolvemento do potencial eólico de Galicia", sinala.

"O que cremos é que se está facendo un esforzo por parte da Xunta, na liña do que marca Europa e o Goberno de España, cumprindo con todas as normas", indicou.

Para Puy, a proposta do BNG de crear unha comisión de investigación no Parlamento galego sobre o desenvolvemento do sector eólico "entra dentro dunha campaña contraditoria: defendendo as enerxías limpas e o seu desenvolvemento, pero cada vez que hai un proxecto aparece coa súa plataforma, cuestionando a instalación dese parque eólico".

No que respecta ás próximas eleccións municipais, espera que "a boa sensación existente tras a transición coa marcha de Feijóo e a chegada de Rueda" se traslade "a unha mellora dos resultados" respecto dos anteriores comicios locais de 2019.

En canto á polémica sobre o uso "partidista" dos espazos comúns do Parlamento, Puy comentou que "os grupos parlamentarios teñen as súas instalacións, onde reunirse e facer discursos de parte, e hai outros espazos que representan ao conxunto da Cámara e á propia institución".

"Todo iso está recollido nunhas normas e o caso é que esa escalinata, que é a porta principal de entrada ao Parlamento e que está dentro do recinto institucional, é onde se expresa a vontade unánime da Cámara cando se condena unha crise machista ou terrorista", argumenta, "polo que cremos que é bo manter ese espazo común onde moitas veces podemos expresar unha opinión conxunta e non dedicalo a trasladar mensaxes políticas de parte".

Sobre os beneficios das entidades bancarias, o portavoz popular explicou que "os bancos cumpren unha función moi importante para financiar o investimento e nestes momentos engadirlles unha carga fiscal pode resultar contraproducente pola función que están a desempeñar no conxunto do sistema económico".

É por este motivo que considera "demagóxica" a afirmación de que os bancos "están a gañar moito este ano". "No fondo é unha forma de facer unha política fiscal afastada do que o Goberno de Pedro Sánchez dixo que ía facer, que era unha reforma fiscal integral"

O PP A NIVEL NACIONAL

Por último, Pedro Puy reivindicou o traballo que está a facer Alberto Núñez Feijóo como presidente do Partido Popular. "Da mesma forma que fixo en Galicia, a oposición que fai é con alternativas e propostas, que moitas veces desde o Goberno de Pedro Sánchez e o PSOE tratan de tapar con descualificacións persoais", comenta.

No ámbito económico, lembrou que presentou un documento extenso con medidas, "moitas delas adoptadas despois polo Goberno socialista con atraso", e fixo o mesmo no ámbito das reformas institucionais para reforzar o estado de dereito. "Neste momento o PP está a ter moita mellor acollida e as enquisas demostran que nestes momentos sería a forza política máis votada", asegura.

O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, nunha entrevista con Radio Nacional. PPDEG
O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, nunha entrevista con Radio Nacional. PPDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta