A saúde da muller en tempo de crise

Todo o que era sólido está en risco. Os dereitos laborais, a sanidade e a educación, a protección dos parados, os discapacitados e os dependentes: ao amparo da crise -que eles mesmos provocaron-, os voitres da especulación financeira e os seus cómplices da política están procedendo a unha expropiación dos nosos dereitos cívicos. Hai intereses poderosos empeñados, con axuda dos seus sicarios políticos, “en desbaratar o modelo de benestar social europeo, de modo que a saúde, a educación, as pensións e os servizos públicos se convertan en fabulosas posibilidades de negocio” (Muñoz Molina ). Neste contexto podemos preguntarnos si a crise afecta de xeito desigual á saúde das mulleres.

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 24/12/2014

Comparte esta noticia
Os datos indican que en España se está producindo un retroceso na igualdade de xénero. 
Nun artigo recente dous expertos da Escola Andaluza de Saúde Pública destacaban que “as taxas de actividade e de emprego son menores en mulleres que en varóns, as mulleres cobran menor salario polo mesmo tempo traballado, dedican máis tempo ás tarefas domésticas e son as principais coidadoras das criaturas e as persoas dependentes nos fogares”. Consideran que o desemprego, a precariedade, os recortes na protección social (gardarías, educación, pensións, atención a dependentes) afectan de xeito desigual a mulleres e varóns. A responsabilidade do coidado das familias recae habitualmente sobre as mulleres. E o 49% das mulleres que coidan a persoas con limitación da súa autonomía ocúpase diso en solitario. Neste contexto, os recortes na atención a persoas dependentes e ás súas coidadoras, afectarán de xeito desigual a homes e mulleres. A cronificación desta situación terá un profundo impacto, en diferido, sobre a saúde colectiva e especialmente na saúde das mulleres. 
 
O que parece claro é que a crise provoca enfermidade. E produce angustia. O paro, as dificultades relacionadas coa vivenda, as penurias materiais e a incerteza polo futuro sitúan a un grupo crecente de persoas en situación de desamparo. Hai estudos que reflicten un empeoramento da saúde mental e ata un aumento dos suicidios (no crack de 1929 suicidáronse banqueiros e inversores saltando dos rañaceos; agora suicídanse as vítimas mentres eles continúan  o seu enriquecemento obsceno). Os expertos detectan un incremento dos casos de depresión, de ansiedade e de consumo abusivo de alcohol. O uso de psicofármacos tamén se disparou. As dificultades para conseguir emprego e para facer fronte á hipoteca aumentaron os trastornos de saúde mental . E parece que hai elementos dabondo para sospeitar que a crise afecte máis ás mulleres que aos homes . 
 
Con este panorama resulta desolador comprobar como as respostas a esta situación desesperada veñen dadas por aqueles que a provocaron e mantéñena no tempo. María Luísa Lores, nun excelente artigo, revélanos que o Banco de Alimentos está vinculado ao gran capital e controlado pola Fundación Lealtad: “o padroado desa Fundación fórmano a construtora OHL, o presidente de Bankinter, o Banco Santander, Mutua Madrileña, Inditex, Telefónica e PwC. Boa parte dos presidentes dos bancos de alimentos de España están vinculados ao Opus Dei". As empresas e os bancos, que actúan con voracidade contra os traballadores e as clases desfavorecidas, aparecen agora (aliados co sector máis reaccionario da Igrexa), como almas caritativas que traballan contra o infortunio (mentres conseguen substanciosas desgravacións fiscais). 
 
Así se completa o círculo depredatorio. Eliminan o Estado de benestar, exprópiannos dereitos consolidados e substitúen a xustiza pola caridade. Pasamos de cidadáns a súbditos e deberiamos estar agradecidos pola xenerosidade dos poderosos, que nos aportan a súa protección. Quédanos, tamén, o “Rastrillo del Nuevo Futuro”, onde a aristocracia mestúrase co artisteo para exhibir o seu corazón magnánimo. Ese é o mundo que queren recuperar os actuais gobernantes. Un mundo antigo baseado en relacións de dominio: o pobo dominado polos poderosos, a muller baixo o dominio do varón. A ese mundo quérennos regresar e teremos que impedirllo. Entre todos e todas. http://pablovaamonde.blogspot.com.es/
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.