As alianzas que veñen

Como insiste o tópico, un ano novo esixe unha listaxe de propósitos novos. Os políticos galegos e españois deberían telo claro: o seu propósito para 2015 habería ser buscar a mellor fórmula de cooperación.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 09/01/2015

Comparte esta noticia
2015, ano de eleccións. Previsiblemente tamén, ano de catarse e reconfiguración. Estimacións que case poden entenderse como feitos: o PP esquecerase das maiorías absolutas; Podemos irrompe en plan Cabalo de Troia; o PSOE e o PSdeG, con novos secretarios xerais, so incógnitas; nacionalismo galego, revisión ou marxinación. 
 
O calendario preséntase máis ou menos así: maio municipais e autonómicas fóra das nacionalidades históricas (Cataluña?); finais de ano, eleccións xerais; mediados 2016, comicios galegos. E todos pendentes de Podemos. 
 
Por ir do xeral ao particular: en España, a forza practicamente hexemónica sabe que, ou a situación económica reverte de xeito que se cre emprego abondoso e de calidade e diminúan as desigualdades sociais, hipóteses desbotables na miña opinión, ou será imposible nun ano darlle a volta ás enquisas. Tendo en conta o seu progresivo alonxamento dos partidos vascos e cataláns, que tampouco lle valería para conservar o goberno, a única saída resultaría quedar por riba do PSOE e conseguir o gran pacto do bipartidismo. Abonda con escoitar as incómodas, e en certo modo humillantes, apelacións dos principais dirixentes populares das últimas semanas, eses mesmos que adoitaron amosar dende a vitoria electoral unha actitude máis ben prepotente e orgullosa. 
 
O pacto que semella probable nestes momentos sería o que haberían negociar PSOE e Podemos, cun posible recuncho reservado en caso de necesidade para IU. A posición do PSOE fronte a Podemos vai variando por semanas en función das estimacións de voto e a táctica da nova dirección que parece dubidar entre tender pontes ou tentar a batalla frontal. En boa medida, a actitude definitiva será determinada nas urnas pero mentres estas non fan acto de presenza, será preciso marcar liñas e buscar espazos, propios e comúns. 
 
En Galicia, a cousa pinta distinta. O PP, faga o que faga, andará ás beiras da maioría absoluta. Como sempre, a súa posición final dependerá do acerto e visión estratéxica dos partidos da oposición, así como, para que negalo, do nivel de entusiasmo “popular” que amosen os medios de comunicación galegos. Poren, nestes momentos, non sería disparatado presumir que unha alianza Podemos-Anova-BNG, máis outros grupos de menor proxección electoral como EU e CxG, representaría unha opción de goberno. Moitas son as dificultades que se albiscan, sobre todo por parte do BNG que, ou ben rectifica a súa posición táctica dos últimos anos respecto ós pactos con forzas non nacionalistas, ou ben corre o risco certo de desaparecer de San Caetano (o cal considerarían posiblemente un novo “paso adiante” cara non se sabe onde). 
 
A posible alianza anterior tería o PSdeG como convidado de pedra, ou non tanto. Se as direccións centrais en Madrid achegan posturas, as súas representacións en Galicia recibirían indicacións para actuaren en consecuencia. Sería o momento de demostrar a autonomía dos dirixentes do país para definir estratexias independentes acaídas á situación propia. En calquera caso, a cooperación entre o conxunto de forzas da oposición de Galicia, agora fragmentada, semella unha cuestión ineludible para acadar a tan necesaria remuda no executivo galego. 
E finalmente a cousa municipal. Os concellos, universo heteroxéneo sempre, adquiren unha nova dimensión en 2015 da man dos movementos cidadáns. O éxito ou fracaso destas iniciativas de tan diversa orixe e condición marcará en boa medida a fondura do cambio na administración local. As chamadas mareas están evolucionando a distintos ritmos e tamén con ben diferentes criterios, en todo caso difusos e poucos claros. Novamente a posición de Podemos vai marcar a senda a seguir, con tempo escaso por diante e co resto das forzas, suponse que estruturadas de lonxe e con direccións estables, a velas vir. 
 
Velaquí o escenario político que abre o ano 2015. Estean atentos porque o entretemento semella garantido. 
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego