Por Galicia Confidencial | Vigo | 07/01/2015 | Actualizada ás 20:00
Todo o PSOE –tanto o galego coma o estatal-- está en contra de Carlos Príncipe, ex alcalde vigués, que acaba de ser expulsado como militante deste partido polas súas continuas críticas ao rexedor actual da cidade, Abel Caballero. Tanto a Executiva galega como o a federal dan por xusta esta decisión que Príncipe anunciou que recorrerá.
Pero desde Madrid xa foron contundentes. “O mellor que pode facer é calar e marchar”, dixo este luns o secretario de Organización socialista, César Luena, que acusou a Príncipe de "inxuriar" ao PSOE ou aos seus membros.
A executiva federal do PSOE expulsou da súa militancia a Carlos Príncipe por entender que danou a imaxe desta organización política polas súas reiteradas críticas á actuación do alcalde de Vigo, Abel Caballero, e as denuncias sobre a súa xestión.
Este mércores, o expulsado defendíase criticando a dirección socialista por non ter en conta as súas denuncias con Caballero e cargou, de paso, contra o PP, o BNG e as “cúpulas” de Vigo por “protexer” ao alcalde socialista.
Con todo, o único apoio que lle chegou a Príncipe foi do lado popular. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda (PP), considerou que a súa expulsión "non é unha boa forma" de resolver os problemas que tiveron lugar no seo dos socialistas galegos.
Precisamente, nesa expulsión, tivo parte de culpa o propio Rueda, xa que o seu partido decidiu abrirlle expediente disciplinario en xullo de 2012, despois de que ese mes presentase un almorzo informativo sobre a área Metropolitana de Vigo que tivo como relator ao propio vicepresidente da Xunta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.