A Xunta quere que Transportes inclúa Galicia nas compensacións polos atrasos nos trens mal deseñados

Sinalan que o contrato "afecta" a Galicia na liña entre Ferrol e Ribadeo

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/02/2023 | Actualizada ás 15:23

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, demandou ao Ministerio de Transportes que inclúa a Galicia nas compensacións a través da gratuidade das proximidades que concedeu a Asturias e Cantabria polos atrasos nos trens mal deseñados.

"Solicitamos o mesmo para Galicia porque o contrato errado deses trens de ancho métrico afecta tamén a Galicia", manifestou en declarcións aos medios este martes Vázquez, que expresou que confía en que os novos altos cargos do ministerio en Renfe e Transportes teñan "máis responsabilidade, sensibilidade e compromiso" coa comunidade galega que os seus predecesores.

Para Ethel Vázquez, a saída da galega Isabel Pardo de Vera, e o presidente de Renfe, Isaías Táboas, "eran necesarias" porque se debían "responsabilidades políticas" polos "erros graves" labores no deseño dos trens.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, nun pleno do Parlamento de Galicia
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, nun pleno do Parlamento de Galicia | Fonte: Europa Press

Á vez, insta ao Goberno a corrixir o "déficit enorme" que, di, ten coa comunidade e que se reflicte en asuntos como a reconstrución do viaduto da A-6, a chegada dos trens Avril ou a "reposición" dos servizos ferroviarios.

Así as cousas, incidiu en que o Goberno debe compensar tamén a Galicia polos atrasos na chegada dos trens mal deseñados pois se trata dun contrato que "afecta" á comunidade na liña entre Ferrol e Ribadeo.

RUEDA AFIRMA QUE PARDO DE VERA "NON DEIXA UN BO RECORDO PARA GALICIA"

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou que Pardo de Vera "non deixa un bo recordo en Galicia" e asegurou que espera que quen a releve no cargo "sexa un pouco máis sensible con Galicia". O titular do Goberno galego censurou que facía "moitos anuncios" que quedaron en "estudos e promesas".

O presidente galego tamén sinalou que polo momento non recibiu resposta a ningunha das cartas remitidas ao Ministerio de Transportes por temas pendentes con Galicia. "A Xunta pedía cousas ás que creo que temos dereito e que aquí non se realizaban", reprochou.

O PP DE LUGO LAMENTA QUE O DANO "XA ESTÁ FEITO"

Tamén se pronunciaron sobre os cambios os populares de Lugo, que lamentaron que "desafortunadamente, o dano xa está feito" e "implicará un atraso de mínimo dous anos na modernización da maquinaria que presta servizo na Mariña, Ortegal e Ferrol".

Nun comunicado, o deputado autonómico José Manuel Balseiro denunciou que o ferrocarril Feve "é o gran esquecido". "Hai quen mesmo quere esquecer que Feve tamén opera no norte de Lugo e A Coruña, non só en Asturias e Cantabria", engadiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta