Por E.P. | Galicia | 23/02/2023 | Actualizada ás 19:37
A CIG denunciou que "aínda segue sen saberse" cal foi o "destino final" dos 2,2 millóns de euros destinados pola Consellería de Educación ao programa 'Acompaña', creado pola Administración autonómica para reforzar a atención á diversidade nos centros educativos galegos.
Segundo a CIG, "o único" que concretou o departamento que dirixe Román Rodríguez é que os fondos para financiar este programa proceden do Ministerio de Educación "pero sen dar resposta ao uso total" destas partidas.
En canto á elección de centros participantes, "só se di que foron seleccionados por unha comisión, da que non coñecemos composición nin sabiamos da súa existencia ata o día de recibir estas aclaracións".
CRITERIOS DE SELECCIÓN
A CIG sostén que os criterios seguidos pola Consellería de Educación foron a distribución das prazas en función da tipoloxía de centro e o seu alumnado ou o cociente de persoal de apoio. "Estes criterios non son coñecidos por ningún centro educativo. Os centros só tiveron constancia do programa cando recibiron un correo no que se lles indicaba que tiñan que escoller entre profesorado especialista en pedagoxía terapéutica ou en audición e linguaxe", continuou a central nacionalista.
Para a CIG, isto último "choca claramente cos criterios indicados pola Consellaría", xa que "nin sequera tivo en conta as necesidades do alumnado dos centros previamente seleccionados".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.