GC Aberto

"Levo 270 días agardando para ser intervida da columna cunha prioridade 2"

As demoras inxustificadas seguen sendo unha práctica habitual nos servizos especializados do CHUS e unha vez máis ímolo exemplificar cun caso sobre o que tivemos coñecemento na Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS nos últimos días. Isto non é algo illado, senón unha mostra que serve para poñer en evidencia o que se empeñan en negar as autoridades sanitarias.

Por David González | Compostela | 27/02/2023

Comparte esta noticia

O servizo de cirurxía ortopédica e traumatoloxía, saltando o criterio clínico establecido, mantén durante 9 meses sen atención cirúrxica unha paciente cunha doenza grave, tempo-dependente, e altamente dolorosa e invalidante. 

Cirurxía nun quirófano
Cirurxía nun quirófano | Fonte: Sergas

Este é seu testemuño: “Son R.L.G paciente diagnosticada, desde o 12 de xaneiro de 2022, con megaapófise transversal bilateral L5, con cambios dexenerativos discais a nivel das vértebras L4-L5.  O día 25/10/2022, segundo o informe médico de alta no servizo de urxencias do CHUS, diagnostícanme estenose raquídea e formainal significativa con comprensión de fibras de cola de cabalo e raíces L4 e recoméndase cita en neurocirurxía para valoración de forma preferente en consulta.  O 23 de maio de 2022 son incorporada ao rexistro de pacientes en espera para hospitalización cirúrxica con prioridade 2, ao tratarse dunha doenza extremadamente dolorosa  de carácter dexenerativa e que no meu caso debe ser corrixida mediante cirurxía. 

Dado que non me citaban para a realización da intervención cirúrxica, presentei reclamación ante o Servizo de Atención ao Doente do CHUS os días: 01/08/2022, 08/09/2022, 14/12/2022 e 23/01/2023. Nas respostas correspondentes ás reclamacións do 14/12/2022 e 12/01/2023, a pesar do tempo transcorrido desde a miña incorporación ao rexistro de pacientes en espera, respóndese en ámbolos dous casos cun texto tipo sen referencia ninguhna á miña historia clínica ou prioridade. Ademais, todas as contestacións recibidas polas reclamación presentadas veñen sen sinatura ningunha nin identificación do persoal sanitario que a realiza e alguna delas, como a correspondente á reclamación do 12/12/2022, vén sen data. A día de hoxe, despois de mais de 270 días desde que fun incluída na lista de espera e dunha demora de 180 días desde que rematou o prazo para ser intervida cunha prioridade 2 (90 días), sigo sen ser citada para a intervención cirúrxica e padecendo fortes dores incapacitantes nas costas, zona lumbar e xeonllos, o que me impide levar unha vida normal, sufrindo de redución de mobilidade e incapacidade para realizar a miña actividade laboral, na que levo de baixa médica desde o mes de outubro de 2021.”

Este procedemento constitúe non só a negación efectiva do dereito de atención, facendo prevalecer criterios administrativos ou de medios fronte aos criterios clínicos, senón que ademais é unha vulneración total e absoluta do establecido na Orde do 19 de maio de 2003 do Servizo Galego de Saúde que establece que os pacientes con prioridade 2 é recomendable que sexan intervidos nun prazo inferior a 90 días. Neste momento, sen explicación ningunha, a demora sobre o prazo legalmente establecido para realizar a intervención cirúrxica é de 180 días. 

A falta de atención a R.L.G. nos prazos legalmente recomendados vai asociada a unha nula información por parte de traumatoloxía que, a través do servizo de Atención ao Doente, limitase a responder con frase tipo sen engadir ningunha razón que xustifique a demora, aínda que os pacientes temos expresamente recoñecido no artigo 10.2. da Lei 8/2008, de saúde de Galicia, o dereito a coñecer e recibir verbalmente, con motivo de calquera actuación no ámbito da saúde, toda a información dispoñible sobre a mesma. Pero ademais de non recibir información verbal, as respostas por escrito fanse sen que recollan a data e a sinatura, como requisitos formais mínimos esixibles a calquera administración que considere os cidadáns suxeitos de dereitos.

O resultado final de todo isto é unha paciente que ve empeorada a súa situación social, laboral e clínica por falta de atención, un sistema público de saúde que vulnera un día si e outro tamén os dereitos dos pacientes e coloca a persoas que precisan atención urxente nun limbo de total abandono e indefensión,  e un clima de descrédito da sanidade pública en beneficio da privada que rompe o principio de equidade. 

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS ten solicitada unha entrevista co xefe do servizo de cirurxía ortopédica e traumatoloxía, coa intención de aclarar a situación de R.L.G. e das persoas ás que, coma ela, se lles está negando o dereito de atención nos tempos clinicamente requiridos. Esiximos que prevaleza o criterio dos especialistas sobre un mal entendido aforro, que supón en realidade, a medio e longo prazo, un custo moi superior en recursos, iso por riba do prexuízo de todo tipo que supón para cada unha das persoas afectadas e das súas familias.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta