Greenpeace denuncia como “temeridade” a autorización de verteduras desde a mina de San Finx á ría de Muros e Noia

A organización participará na manifestación convocada en Noia para este sábado día 4 de marzo contra esta decisión da Xunta.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 02/03/2023 | Actualizada ás 13:44

Comparte esta noticia

A organización ecoloxista Greenpeace mostrou nun comunidaco a súa solidariedaade cos colectivos ecoloxistas, veciñais e produtivos da ría de Muros e Noia. Tamén manifestou o seu apoio á mobilización que terá lugar na alameda noiesa o vindeiro sábado 4 de marzo ás 11:00 da mañá.

A presa da mina de San Finx en Lousame (A Coruña). CONTRAMINACCIÓN - Arquivo
A presa da mina de San Finx en Lousame (A Coruña). CONTRAMINACCIÓN - Arquivo

A manifestación, convocada polas Confrarías de Pescadores de Noia e de Portosín e secundada por outros colectivos como a Federación Ecoloxista Galega, Plademar, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace ou o Sindicato Labrego Galego, así como polo tecido produtivo noiés, demanda que a Xunta recúe na autorización da vertedura á rede fluvial da ría de centos de milleiros de metros cúbicos de achiques de mina, cargados con metais pesados como o cadmio, cobre e cinc, procedentes da antiga mina de volframio e estaño de San Finx, en Lousame.

A vertedura, prevista a sete quilómetros da ría, a podería danar irreparabelmente o Esteiro do Tambre, Zona de Especial Conservación da Rede Natura 2000. Asemade, esta zona conta cun dos mellores bancos de berberecho do mundo, que extráen de xeito sustentábel milleiros de mariscadoras e mariscadores, polo que o vertido causaría un impacto ambiental, social e económico sen precedentes en toda a comarca. Poñeríanse en risco especies icónicas e comerciais, como as ameixas fina e babosa, a ostra e sobre todo o berberecho, pois de Noia procede o 70% do que se extrae en Galicia.

A principios do febreiro pasado Augas de Galicia autorizou á empresa Tungsten San Finx, S.L., filial da mercantil australiana Pivotal Metals, para baleirar un total de 889.885 metros cúbicos de “augas residuais depuradas” ao rego das Rabaceiras, que forma parte da rede fluvial que alimenta a ría de Muros e Noia. Pivotal Metals non conta con ningunha mina operativa en ningún lugar do mundo e á outra mina que tiña na Galicia, a de Varilongo (Santa Comba), foille denegada a finais do ano pasado outra autorización de vertidos similar á que agora se concedeu en San Finx.

O vertido implica extraer mediante bombeo as augas ácedas que asolagan as galerías da vella mina de volframio de San Finx, pechada en 1989 e que a empresa pretende volver explotar, malia que o xacemento carece dun proxecto mineiro válido e avaliado ambientalmente. Aínda que a Xunta afirma que a vertedura continuada será previamente depurada e estará suxeita ao cumprimento estrito das normas de calidade ambiental, a Confraría de Noia presentou un estudo no que se evidencia o fracaso da proba piloto na que se basea a planta de tratamento de augas da mina, que non foi quen de controlar os niveis prexudiciais de moitos metais pesados.

“Parece evidente que a Xunta xa ten decidido, sen avaliación ambiental e contra a opinión dunha ampla maioría social, reabrir a mina de San Finx e poñerse a xogar con metais pesados na ría de Noia. O resultado das verteduras pode ser catastrófico. A credibilidade da Xunta para facer cumprir ás empresas as normas ambientais está moi en cuestión cando levamos anos sen solucionar a grave ameaza das balsas e escombreiras de Lousame”, afirmou Manoel Santos, voceiro de Greenpeace en Galicia.

Por último Greenpeace quere lembrar que a contaminación por metais pesados procedentes de actividades extractivas como a minaría é un dos meirandes problemas ambientais pola súa persistencia e toxicidade. Poden permanecer no ambiente centos de anos e acumúlanse con facilidade en animais e plantas. Afectan a todos os organismos vivos e a totalidade de cadeas tróficas, amais de ser un risco de primeira orde para a saúde humana, mesmo con consecuencias fatais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta