A manda testamentaria de García Bodaño

Bodaño naceu en Teis en 1935, a poucos metros da miña casa. Aínda que somos de distinta xeración, miña amizade vén de vello, dos anos sesenta, onde todo estaba por vir e non daba chegado.

Por Xosé Glez. | Vigo | 08/03/2023

Comparte esta noticia
En certa ocasión recordáballe eu  que había un paralelismo case que literal entre uns versos seus ben popularizados, e outros de Pepe Velo, descoñecidos.  Este escribíu: “De onde me vén o folgo/ para cantar a miña esperanza:/ da visión do futuro/ anque sempre se chega/ endexamais se alcalnza”.  Bodaño participa escribíu algo moi semellante:  “Galicia é esto que vai en nós /O que nos leva/ camiño aberto nos sulcos/ onde todo está  por vir e non chega”.
 
Coincidimos en moitas ocasións participando en espazos políticos e culturais nos que facía gala da súa retranca ben afiada. Na primavera de 1992 a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingúística, entidade creada en 1981, pedíulle unha colaboración para os “Contos do Castromil”, unha experiencia inédita na galeguización  empresarial e cidadá. Enviounos un texto titulado “O caleidoscopio”, inspirado na lenda de San Ero de Armenteira, no que se laiaba da perda de referentes físicos e humanos da Compostela do tempo.
 
No 2002 volvímos solicitarlle unha colaboración para outra iniciativa sen precedentes, tamén, no proceso de normalización lingüística. Pedímoslle que escribíse a súa manda testamentaria para un libro colectivo titulado “En galego, agora e sempre”, que contén máis dun cento de cláusulas testamentarias da autoría das persoas máis relevantes de todos os ámbitos sociais daqueles anos.
 
Transcríboa, porque a manda  recobra hoxe actualidade. “O vintedous do mes de outubro do ano dous mil dous, eu, Salvador García-Bodaño, morador no Casal das Figueiras, do lugar de Veitureira, na parroquia de Lampai, ordenada a sucesión dos meus bens e dereitos, digo que quero que todos cantos saiban desta carta de manda e vontade postremeira reciban, co maior respecto e dignidade, e fagan cordialmente súa a miña fervente petición de que, por termos recib ido dos nosos devanceiros a entrañable herdanza da nosa fala, a empreguen entre si na súa vida cotía e nos seus escritos, e que defendan e acrecenten o valioso caudal da cultura galega e das nosas mellores tradicións, para legalas, pola súa vez, ós seus sucesores. Outrosí, e para que as persoas que actúen como notarios, xuíces e rexistradores, usen con xenerosidade a lingua xenuina do noso pobo e lle dean a normalidade xurídica que lle foi arrebatada tan inxustamente”.
 
A Asociación de Funcionarios para Normalización Lingüística, co exemplo desta manda testamentaria de Bodaño, exhorta a todos os galegos a escribiren a súa e incluíla no seu testamento, como o fixo el. Fagamos realidade a súa e as nosas arelas para acadarmos unha Galicia máis de noso.

Inauguración da pedra de Salvador García-Bodaño no Xardín das Pedras que Falan
Inauguración da pedra de Salvador García-Bodaño no Xardín das Pedras que Falan
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé González Martínez Presidente do Foro E. Peinador e da Fundación Lois Peña Novo, secretario da Asociación de Funcionarios para Normalización Lingüística, da Irmandade Xurídica Galega e Asociación de Amigos do Couto Mixto.