Unha unidade especializada da Fiscalía Xeral do Estado estudará as denuncias de San Finx

A Fiscalía manifesta o seu "firme compromiso" coa defensa do medio ambiente.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/03/2023 | Actualizada ás 18:08

Comparte esta noticia

A Fiscalía Xeral do Estado solicitou á unidade especializada en materia de medio ambiente "estudar" as denuncias sobre a vertedura de San Finx na ría de Muros e Noia que trasladou o deputado de Galicia en Común Antón Gómez-Reino nunha carta enviada o pasado mes de febreiro.

Nela, Gómez-Reino indicaba á Fiscalía as diversas denuncias presentadas por Ecoloxistas en Acción nos últimos anos e facíalle chegar a súa "preocupación" polo que considera unha "inhibición de funcións da Fiscalía de Medio Ambiente en Galicia".

O deputado solicitaba, ademais, que se atendese a denuncia presentada polo colectivo sobre a vertedura "autorizada" pola Xunta, que nega a maior e afirma que o que se permitiu é unha depuradora, á mina de San Finx, xa que se trataría dunha "mina ilegal que non conta con avaliación de impacto ambiental nin un plan de restauración sometido a participación pública, condicións esenciais para a validez do título mineiro".

Na súa resposta ao deputado, a Fiscalía, que manifesta o seu "firme compromiso" coa defensa do medio ambiente, informoulle de que, tras a análise da información proporcionada e con agradecemento pola "sensibilidade demostrada na problemática subxacente aos feitos relatados", procedeuse ao traslado do escrito á Unidade especializada da Fiscalía Xeral do Estado en materia de medio ambiente e urbanismo para que "proceda ao seu estudo".

Á marxe desta actuación, Gómez-Reino tamén presentou unha pregunta por escrito ao Goberno na que facía referencia ás "diversas irregularidades ambientais cometidas polos responsables da explotación mineira" e "repetidamente ignoradas pola Xunta".

Manifestación na alameda de Noia contra a decisión da Xunta de Galicia de autorizar a vertedura de 889.885 metros cúbicos de augas residuais procecentes da mina de San Finx
Manifestación na alameda de Noia contra a decisión da Xunta de Galicia de autorizar a vertedura de 889.885 metros cúbicos de augas residuais procecentes da mina de San Finx | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta