Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 09/03/2023 | Actualizada ás 12:07
A sección sindical de CC.OO. no grupo Ence reivindicou a sentenza do Tribunal Supremo que valida a continuidade da factoría na ría de Pontevedra como "unha páxina da historia do movemento obreiro de Galicia".
"Merecémonos pasar á colección lexislativa da defensa dos dereitos laborais", aseverou a sección do sindicato, un día despois de coñecerse o contido do fallo do Supremo que dá a razón á compañía pasteira no seu recurso contra a decisión da Audiencia Nacional que anulaba a prórroga da concesión concedida en 2016 polo goberno en funcións que entón presidía Mariano Rajoy.
"Todos aqueles que nos mantivemos firmes na defensa da permanencia, temos que dicir agora alto e claro que a pesar do Concello de Pontevedra, do Goberno de España, dos detractores da nosa actividade e aos que compraron o discurso de Lores e compañía, fomos fundamentais para a consecución do obxectivo de mantemento dos nosos postos de traballo e do futuro do sector forestal de Galicia", engadiu.
Ademais, incidiu en que a sentenza do Supremo "non cae do ceo, é froito da sensibilización social" lograda, segundo o sindicato, grazas ás mobilizacións a favor da continuidade da factoría en Lourizán.
"Agora ábrese unha nova etapa na que continuaremos defendendo os dereitos do conxunto de todos os traballadores, e pelexaremos por unha distribución equitativa dos beneficios que xera a nosa actividade produtiva, por que a empresa invista na necesaria mellora do sistema produtivo e tamén pola adscrición ao porto de Marín", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.