Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/03/2023 | Actualizada ás 18:51
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, criticou en ton irónico a decisión do Grupo Municipal do PSOE de Samos, que este mércores rexistrou no Concello un escrito no que informaba da expulsión do mesmo do alcalde, Julio Gallego, que pasará a ser concelleiro non adscrito tras coñecerse a fichaxe do seu fillo para ser candidato á Alcaldía polo PP; así como as críticas dirixidas cara aos populares pola súa actuación neste municipio.
En concreto, a finais do pasado mes de febreiro transcendeu que o PP de Lugo fichou a Miguel Gallego, fillo do actual rexedor de Samos polo PSOE, para encabezar a candidatura popular neste municipio. Tras iso, o propio alcalde confirmou a Europa Press que deixara de pagar a cota de afiliado do Partido Socialista e que se retiraba da carreira do 28M.
Así as cousas, este mércores, o Grupo Municipal do PSOE informou de que, o acordo, tomado pola maioría dos edís socialistas, recolle que Julio Gallego vén protagonizando nos medios de comunicación declaracións e actuacións de "extrema gravidade, incompatibles coa pertenza ao grupo municipal".
Por mor destes feitos, o presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomé, dirixiu duras acusacións cara ao PP, ao que acusou, entre outras cuestións, de "fomentar o transfuguismo". "Que exemplo de democracia. Un perfecto retrato da democracia do PSOE", replicou Rueda, antes de lamentar que se envíe a mensaxe de que "os pais serán responsables do que fagan os seus fillos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.