O BNG de Ourense valora a sentenza sobre o aparcadoiro como consecuencia dun "urbanismo salvaxe e de amiguetes"

"Todo isto parte dunha recualificación urbanística sendo Cabezas alcalde de Ourense", apunta o candidato do BNG á alcaldía, Luis Seara.

Por E.P. | OURENSE | 09/03/2023 | Actualizada ás 20:08

Comparte esta noticia

O Bloque Nacionalista Galego de Ourense, despois de coñecer a sentenza do TSXG pola cal se declara chan público o terreo do aparcadoiro da praza de San Antonio na cidade, fixo a súa valoración. Sinalan que o litixio "leva moitos anos pendente" e que "ten que ver co urbanismo salvaxe e de amiguetes durante os anos de goberno do actual candidato á alcaldía polo Partido Popular, Manuel Cabezas".

Así o apuntan os nacionalistas mediante un comunicado no que, o candidato á Alcaldía e edil, Luís Seara, fai varias reflexións sobre o tema, apelando ao "inicio desta problemática". "Todo isto parte dunha recualificación urbanística sendo Cabezas alcalde de Ourense", sostén para engadir que, tamén, "grazas a ese urbanismo salvaxe e de amiguetes, sen apenas control, que se practicaba naquel momento".

Deste xeito, sinala que as consecuencias seguen "a pagarse a día de hoxe" co concello "inmerso en múltiples causas xudiciais". A outra reflexión que realiza Seara é a que ten que ver propiamente coa concesión da licenza que agora o alto tribunal galego anulou. Indica que chegou un novo goberno local que, diante da situación, e en base ao que establecía o propio Plan Xeral de Urbanismo de 2003, "o de Cabezas", "ten que outorgar licenzas e por tanto legalizar dito aparcadoiro".

ONCE SENTENCIAS

Neste sentido, Seara lembra que o Plan Xeral de Urbanismo do 2003 "foi anulado pola xustiza ata en once sentencias". Na mesma liña o nacionalista esgrime que, "no medio de todo isto" e como "intermediario" ou "persoa utilizada por determinados construtores", o actual rexedor municipal, Gonzalo Pérez Jácome, no seu día, "co único afán de prexudicar á concelleira socialista, entón de Urbanismo, Áurea Soto", "acudiu á Xustiza".

É neste punto no que o portavoz do BNG municipal di atopar "a maior contradición do alcalde" porque expón que "estando xa no goberno recorreuna aducindo que había que evitar indemnizacións millonarias que tería que asumir ao Concello", e, con todo, "agora saca peito" da sentenza do Tribunal. Por iso pide Luís Seara ao alcalde "que se aclare".

Sede TSXG
Sede TSXG | Fonte: E.P.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta