Continúa cortada a N-6 polo accidente no que un tráiler quedou suspendido nunha pendente

Ocorreu no tramo da N-6 que sae de Pedrafita e que se ven obrigados a utilizar todos os vehículos que entran ou saen de Galicia por este punto

Por Europa Press / Redacción | Lugo | 17/03/2023 | Actualizada ás 20:29

Comparte esta noticia

A circulación na N-6, entre Pedrafita do Cebreiro (Lugo) e o pobo de O Castro (León), continúa cortada na tarde deste venres polo accidente ocorrido pola mañá no que un tráiler de grandes dimensións quedou suspendido nunha pendente, segundo confirman a Europa Press fontes da Dirección Xeral de Tráfico.

Neste sinistro víronse implicados un turismo e dous camións, dos cales un se cruzou na estrada e quedou colgando nun noiro sobre unha vivenda.

Ocorreu sobre as 8,30 horas deste venres, no tramo da N-6 que sae de Pedrafita e que actualmente ven obrigados a utilizar todos os vehículos que entran ou saen de Galicia por este punto, dado que a autovía A-6 está cortada polo derrube do viaduto de O Castro.

De feito, o accidente ocorreu xusto sobre o pobo de O Castro, do municipio de Veiga de Valcarce, polo que o tramo de estrada afectado pertence á provincia de León e non a Galicia.

O 112-Galicia recibiu á primeira hora unha chamada de alerta na que se informaba da colisión e de que un dos tráilers implicados quedouse cruzado sobre a calzada e semisuspendido nun noiro, sobre unha vivenda.

Os efectivos do 112-Galicia derivaron entón a chamada aos de emerxencias de Castela e León, dado que se trata do seu ámbito de competencia. Ao lugar mobilizáronse efectivos da Garda Civil, para cortar e sinalizar a estrada, e persoal sanitario, que atendeu a dous feridos leves.

No lugar despregouse tamén un importante operativo para retirar o tráiler, así como para reordenar o tráfico. A circulación en sentido Madrid segue cortada por este punto e estase desviando aos vehículos pola estrada antiga.

Un camión en equilibrio nunha gran pendente tras un accidente na estrada N-6
Un camión en equilibrio nunha gran pendente tras un accidente na estrada N-6 | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta