PPdeG, BNG e PSdeG, xuntos na defensa da pesca galega ante Bruxelas

A Xunta carga contra o "novo despotismo ilustrado" de Bruxelas: "Todo para os pescadores sen os pescadores".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/03/2023 | Actualizada ás 10:55

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia e os grupos parlamentarios con representación na Cámara galega (PPdeG, BNG e PSdeG) cargaron contra os novos "ataques" de Bruxelas para a frota pesqueira, que, de saír adiante, suporían novas restricións e ata "un golpe de graza" para o desenvolvemento desta actividade. Fronte a estes plans, houbo unanimidade ao expor a necesidade de facer unha "fronte común" para tentar frealos.

A proposta de "alianza" e de procura de "aliados", tamén entre outras rexións e países afectados polas intencións da Comisión Europea, foi lanzada pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, nunha comparecencia a petición propia no pleno do Parlamento autonómico.

Quintana levou esta mensaxe ao Pazo do Hórreo despois do catro comunicacións realizadas pola Comisión Europea o pasado 21 de febreiro, que son unha avaliación da política pesqueira común, outra da organización común de mercados dos produtos da pesca e da acuicultura, o plan de acción para protexer os ecosistemas mariños para unha pesca sustentable e a estratexia para a transición enerxética do sector pesqueiro da Unión Europea. Un "cúmulo de despropósitos" para a Xunta.

No debate, por unha banda, a deputada do PSdeG Patricia Otero subliñou desde a súa primeira intervención que o seu grupo vai estar "á beira" da Xunta nesta fronte común, mentres que a portavoz do BNG, Rosana Pérez, esperou á súa segunda quenda para precisar que os nacionalistas non van apoiar "a cegas" á consellería, aínda que a súa postura "é clara" e de respaldo "con todo" ao sector pesqueiro galego.

A EÓLICA MARIÑA

Pérez confrontou esta actitude do Bloque coa dos populares e a dos socialistas, en referencia á eólica mariña. Mentres se pon "trabas a seguir pescando" ábrense "as portas de pao a pao ás grandes eléctricas", recriminou.

A este respecto, a conselleira respondeu que para o Goberno galego existe unha "liña vermella" para o desenvolvemento da eólica mariña: "que non afecte á actividade da frota pesqueira", e reivindicou "coherencia".mOtero, pola súa banda, coincidiu en sinalar tamén a "liña vermella" de "que se respecten os caladoiros" pola eólica mariña e avogou por "analizar proxecto a proxecto".

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, comparece no Parlamento de Galicia. XUNTA
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, comparece no Parlamento de Galicia. XUNTA | Fonte: Europa Press

DESPOTISMO ILUSTRADO

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asegurou que a Xunta "vai actuar" e fará "un intenso labor propio" e tamén de "apoio" ao Goberno central na procura de aliados para facer "unha forte fronte común" fronte ás pretensións da Comisión Europea para a actividade pesqueira de fondo, en relación ao plan de acción que propón novas restricións no horizonte de 2030.

"Estamos ante unha sorte de novo despotismo ilustrado. Todo para os pescadores, pero sen os pescadores", criticou Quintana nunha comparecencia a petición propia no pleno do Parlamento autonómico no que cargou contra o "fundamentalismo" de Bruxelas e contra o seu "deriva medioambientalista", que se esquece, segundo recalcou, dos elementos sociais e económicos da política pesqueira común.

Un día despois do Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea, a titular de Mar do Executivo galego advertiu ao responsable comunitario desde a Cámara: "Comisario Sinkevicius, do mar vívese", subliñou.

Por iso, e ante a proposta normativa de Europa, "incoherente, incompleta, ineficaz, inxusta, inconexa" e "feita sen autocrítica", a conselleira remarcou a vontade de "tratar de frear a posta en marcha" destas estratexias de cara ao ano 2030, aínda que algunhas das medidas expoñense para 2024.

Así, anunciou que a Xunta "involucrará aos deputados que defendan ao sector" e recollerá a postura de defensa do sector nun manifesto, como xa fixo fronte ao veto do arrastre en 87 zonas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta