O PSOE de Valga insiste na ilegalidade do pagamento de dietas e asistencias ás comisións por parte do Concello

O Consello de Contas de Galicia sinala nun informe que o Concello de Valga cobrou dietas de maneira ilegal durante trinta anos.

Por Galicia Confidencial | Valga | 22/03/2023 | Actualizada ás 13:04

Comparte esta noticia

O PSOE de Valga sinala estar completamente convencido da ilegalidade dos cobros das comisións de coordinación e dos pagos de dietas por desprazamento e manutención ao secretario e intervención municipais, "por iso dende o 2015 traballamos na aclaración deste asunto".

O alcalde de Valga, Bello Maneiro
O alcalde de Valga, Bello Maneiro | Fonte: Concello de Valga

Tal como manifestan os socialistas de Valga, a asistencia a reunións dun grupo político forma parte autoorganización do mesmo, mais cargar ao presuposto municipal 75€ por cada concelleiro do PP cada luns, "non só é éticamente reprobable senón que agora o Consello de Contas, vén a darnos a razón ao dicir que eses pagos non son legais".

No informe de fiscalía de arquivo da causa penal (2019), advertíase que non era a vía penal a correcta, senón a vía administrativa, e que podería terse dado un delito administrativo. En ningún momento a fiscalía considerou estas Comisións como legais, a pesar de que o PP nese momento considerou o arquivo como unha validez legal ás comisións, e así o vendeu de cara á opinión pública.

Despois de ser arquivada a demanda presentada, o PSOE de Valga seguiu estudando o tema presentando en marzo de 2022 ante o Consello de Contas unha relación de feitos acompañada de documentación sobre os cobros das Comisións de Coordinación, engadindo tamén o pago de dietas de desprazamentos e manutención a dous funcionarios públicos (interventor e secretario acumulados), que segundo expertos xurídicos consultados polo PSOE tamén se trataban de pagos fóra da legalidade.  

O informe publicado o pasado xoves (16.03.2023) polo Consello de Contas RATIFICA todo o advertido e defendido polo noso grupo dende o 2015. Textualmente o informe determina “Dende o ano 1991 ata o 2017 tanto as reunións como as percepcións de dietas por asistencia á Comisión de Coordinación efectuáronse sen soporte regulamentario, tal e como esixe o artigo 20.1.b) da LRBRL e o correlativo artigo 59 da LALGA”.

En 2017 (en pleno proceso xudicial), o PP aproba un regulamento interno onde inclúe as Comisións de Coordinación, pero a pesar de existir un informe do Colexio de Secretarios e Interventores de Pontevedra (Cosital) de xuño de 2017 no que advirte que “non se adecúa á legalidade a ausencia dun funcionario público que actúe como Secretario da Comisión”, os concelleiros populares obvian esta determinación e seguen a reunirse sen funcionario público que de fe do acordado, do nº de asistentes, etc...

O informe neste punto determina “Na medida que membros da Comisión de Coordinación veñen percibindo percepcións económicas pola asistencia dende o ano 1991, implica a necesidade de levantamento de acta das súas sesións, aos efectos de poder acreditar tanto as sesións celebradas como a relación de asistentes a cada sesión, función que debe ser realizada de forma obrigatoria por un funcionario público”.

O PSOE di ter pedido en reiteradas ocasións por escrito e en plenos, aos concelleiros populares que deixaran de cobrar estas asistencias, e incluso que cumpriran ca legalidade indicada por Cosital e asistira funcionario público, así como que se dera conta ó pleno e se fixeran públicas as actas e os acordos adoptados.

O Consello de Contas acredita que o Concello de Valga abonou aos concelleiros populares unha cantidade de 87.440,00 € dende o 17.06.2017 ata 31.12.2021. Pero a cantidade abonada polo concello ós concelleiros populares dende o 1991 supera os 500.000 €.

Por outra banda, o Consello de Contas fiscalizou o pago de dietas de desprazamento e manutención ao secretario e interventor municipal e conclúe que eses pagos non se axustan á legalidade. O descrito no informe do Consello de Contas é escandaloso e bochornoso, e demostra perfectamente as feas prácticas e un absoluto descontrol na xestión económica do diñeiro público.

O Alcalde aprobada os gastos feitos polo secretario e interventor en moitas ocasións sen xustificantes, duplicadas ou mesmo en meses de vacacións, tal como indica o informe “na liquidación indican os días nos que se trasladan dende o seu domicilio habitual ó concello, pero non especifican as horas de chegada nin de saída”. “Liquidan a dieta de manutención íntegra, que supón gastos de comida e cea, sen incorporar xustificante algún”.

O PAPEL DA XUNTA DE GALICIA

O Psoe de Valga en setembro de 2020 remitiu información á Dirección Xeral da Administración Local (DXAL) dependente da Vicepresidencia da XUNTA, que naquel momento dirixía Alfonso Rueda, pedindo aclaración da legalidade ou non legalidade destes pagos. Despois de tres intentos, e ter que recorrer á Valedora do Pobo, en maio de 2021 a DXAL respondía botando balóns fóra, concluíndo “A DXAL non ostenta entre as súas competencias a de control e fiscalización da actuación dos órganos municipais nin pode usurpar as funcións atribuídas legalmente aos funcionarios da Administración Local con habilitación de carácter nacional”.

Sorprendente é a conivencia da Vicepresidencia da Xunta, presidida aquel entonces por Alfonso Rueda, porque sendo coñecedora destes pagos, non actuou nin tomou as medidas oportunas, consentindo e permitindo continuar con este uso impropio do diñeiro público.

ACCIÓNS DO PSOE DE VALGA

O PSOE de Valga está estudando cos seus Servizos Xurídicos á vista de que o Consello de Contas trasladará de oficio o informe ao Tribunal de Contas, presentar unha denuncia ante este Tribunal con toda a documentación obrante a fin de reclamar que todo o diñeiro público cobrado de xeito irregular polos concelleiros populares e polos funcionarios públicos sexa reintegrado ás arcas municipais. Poderíamos estar falando de máis de 500.000 €.

O Psoe de Valga espera que os concelleiros do PP teñen unha mínima ética se lles queda algo de vergonza dimitan inmediatamente do seu cargo e devolvan o diñeiro cobrado a todos os veciños e veciñas. O primeiro que ten que dimitir é o Alcalde pois dende o 1991, a pesar de ser avisado dende ese mesmo ano da dubidosa legalidade do pago desas dietas por asistencias ás comisións, continuou durante 32 anos lucrándose das arcas municipais.

E se por propia iniciativa o Alcalde e concelleiros populares non dimiten, o PP de Galicia ten que tomar medidas e expulsalos se non quere seguir mantendo nas súas filas a persoas que se lucraron das arcas municipais de forma irregular e sen ningún rubor durante 32 anos.

ENLACE DO INFORME DO CONSELLO DE CONTAS (Valga a partir da páxina 54 aprox.)
https://www.ccontasgalicia.es/sites/consello_de_contas/files/contents/documents/2023/1702023-10_D_Informe_horizontal_percepcions_economicas_non_salariais_indemnizacion_gastos_EELL_C.pdf

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta