Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/03/2023 | Actualizada ás 16:16
A deputada do PSdeG Carmen Rodríguez Dacosta censurou que os consellos autonómico e provinciais de emprego non se convocasen no que vai de lexislatura, ao que a conselleira do ramo, María Jesús Lorenzana, replicou que van 57 reunións do diálogo social en tres anos.
Nunha interpelación no pleno do Parlamento, a socialista preguntou pola última reunión do Consello Autonómico de Emprego e dos Provinciais, e engadiu que os do ámbito estatal si se reúnen.
Pola súa banda, Lorenzana, que tachou de "catastrofistas" os datos sobre o mercado de traballo que achegou a portavoz do PSOE galego, sinalou que eses órganos se crearon en 1999, e son "fabulosos en canto a participación institucional, pero a día de hoxe o que se está empregando é o diálogo social".
Neste sentido, reivindicou que "existe unha participación tanto das organizacións empresariais como das sindicais" e engadiu que tamén hai reunións para o desenvolvemento do denominado pacto de capacidades polo emprego. En canto ás do diálogo social do últimos tres anos, agregou que en 25 delas interveu ela "directamente".
A socialista recriminoulle estar "a mesturar" estes consellos co diálogo social e a titular de Promoción do Emprego recoñeceu que os primeiros "non están derrogados", pero volveu a remitir ao diálogo social para concluír: "Non me pode dicir que estou conculcando a participación institucional, porque non é así".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.