Medio Rural obrigada a reparar un ben arqueolóxico que danou nun desbroce

Catro meses despois, Medio Rural colocou "no seu sitio" a pedrafita das Catro Cruces, de Bande, que operarios deste departamento derrubaron en tarefas de desbroce en Bande.

Por Galicia Confidencial | Bande | 02/02/2015 | Actualizada ás 12:15

Comparte esta noticia

O día 27 de agosto de 2014, o activista arqueolóxico Xabier Moure presentaba denuncia ante o Servizo de Patrimonio Cultural en Ourense e o Concello de Bande polo derrube por unha máquina escavadora da pedrafita das Catro Cruces, en Bande.

Pedrafita das catro cruces, en Bande, danado pola Consellería do Medio Rural, e xa reparado.
Pedrafita das catro cruces, en Bande, danado pola Consellería do Medio Rural, e xa reparado.

 

Despois de transcorridos máis de catro meses desta denuncia, a arqueóloga da Xunta acaba de comunicarlle que a pedrafita xa foi reposta no seu sitio por persoal da Consellería do Medio Rural que foron os que responsables deste atentado arqueolóxico.

Patrimonio, na súa resposta, suliñou que esta pequena desfeita foi "fortuíta" cando Medio Rural estaba facendo labores de mantemento nun cortalumes. Non é a primeira vez que a Consellería do Medio Rural é a responsable directa dun bo número de agresións contra o noso patrimonio. "Que non sexa de forma intencionada non a exime de responsabilidades, e sobre todo tendo en conta que se trata dun organismo público polo que aínda con máis motivo, se se quer, debería extremar as súas actuacións nun medio tan sensible como son os nosos montes que, de todos é sabido, están ateigados de vestixios do noso pasado", apunta Moure.

O marco-pedrafita das Catro cruces debe o seu nome ás catro cruces gravadas nas catro caras do monolito que actuaba como marco divisorio entre as parroquias de Calvos e Corvelle (Bande) e Cexo e Banqueses (Verea). Na parte superior ten unha fendedura, sen dúbida artificial. Os veciños de Corvelle mesmo teñen conmemorado as batidas que na Idade Media se facían para cazar o lobo e así reivindicar a protección tanto do marco como dos dous foxos de lobo que aínda se conservan nas inmediacións. Tanto pola súa tipoloxía como por estar próximo a un campo de mámoas, apunta a que se trata dunha pedrafita prehistórica que logo foi reutilizada, tradición que pervive entre a veciñanza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Poldo

Quen di que ós do PP non lle interesan os monumentos? Iso si, teñen que levar ladrillo e cemento.

2 eusi

Bo! Total por unhas pedras vellas Como habian de saber os fillos dos amigotes enchufados o que é un ben arqueo-lóxico! Lóxico de que oh?

1 Anabel

Está visto que nada se pode esperar das administracións. Menos mal que hai xente disposta a denunciar as súas tropelías.