O director xeral de Gandaría acusa ao BNG de "dicir barbaridades" por unha pregunta sobre novidades da PAC

A nacionalista Carmen Aira falou de "dificultades" para os produtores

Por E.P. | Santiago de Compostela | 24/03/2023 | Actualizada ás 12:03

Comparte esta noticia

O director xeral de Gandaría, José Balseiros, respondeu aos nacionalistas ante unha pregunta sobre as novidades da política agraria común (PAC) en comisión parlamentaria con críticas porque "non fan máis que escribir bobadas e dicir barbaridades". "Xa está ben, non todo vale, non se pode pór no papel o que lle dea a gana", queixouse o alto cargo.

Na súa quenda, a deputada do BNG Carmen Aira falou de "dificultades" para os produtores ao non estar as explotacións clasificadas "adecuadamente" segundo as súas prácticas e carga gandeira. "Non o digo porque o invente, dígoo porque falo coa xente e a xente quéixase disto", subliñou esta portavoz do Bloque.

Ademais, ironizou con que pode "dicir bobadas" xa que lle votaron, o que diferenciou co director xeral, ao que "puxeron a dedo". Balseiros fixo o comentario sobre as "bobadas" por mor do indicado inicialmente pola parlamentaria, quen lamentou que o título que se puxo á pregunta era "unha trapallada".

"UNHA TRAPALLADA"

"Eu dígolle máis: é unha trapallada todo o texto desa pregunta. E dígolle máis: xa está ben, non todo vale. Non se pode pór no papel o que lle dea a gana (...) Non poden seguir así. Non fan máis que escribir bobadas e dicir barbaridades. Non hai por onde collelo", afirmou.

O director xeral de Gandaría, José Balseiros
O director xeral de Gandaría, José Balseiros | Fonte: Europa Press

Neste sentido, rexeitou que estea "mal a clasificación das explotacións" e que a Xunta "non teña nin idea" nin saiba "nada" da PAC. "Coas inexactitudes que está a pór nese escrito, apaga e vámonos", incidiu.

A INICIATIVA

En concreto, na súa pregunta, a deputada referíase ao novo período da PAC e ao feito de que está a presentar "novidades relevantes" en canto ás esixencias requiridas ás granxas, tanto de carne como de leite.

"O feito de que a Xunta non teña claras as esixencias pode ter consecuencias graves para as granxas, en dúas vertentes importantes, por unha banda as dificultades de acceso a determinadas axudas por non cumprir os requisitos, e por outra o incremento do nivel dos requirimentos para alcanzar outras", avisaba.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta