Disparidade de cifras sobre a saúde da economía Galega: a Xunta di que aforrou 201 millóns e Madrid que gastou 418 máis

Rueda salienta que Galicia medrou un 3,8% o pasado ano fronte ao 3,5% das previsións e que se crearon 22.000 postos de traballo

Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/03/2023 | Actualizada ás 15:18

Comparte esta noticia

Xunta e Goberno central non se poñen de acordo sobre a situación económica de Galicia. Así, mentres que Madrid sinala que o país pechou 2022 cun déficit de 418 millóns, que supón o 0,6% do produto interior bruto (PIB), segundo os datos que publica este xoves o Ministerio de Facenda, o Goberno galego asegura que o PIB galego creceu un 0,4% en 2022 e houbo menos endebedamento polo que a Xunta "aforrou 201 millóns".

O presidente da Xunta e o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos
O presidente da Xunta e o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos | Fonte: DAVID CABEZÓN @ XUNTA

Segundo o ministerio, o ano anterior, 2021, Galicia rexistrou un déficit de 94 millóns (o 0,15% do PIB), polo cal a variación anual é de 324 millóns máis de déficit e 0,45 puntos máis. Mentres, o déficit do conxunto das administracións públicas (AAPP) terminou o pasado ano no 4,8% do PIB, por baixo do dato de 2021 (6,9%), e situouse en 63.776 millóns de euros, logrando mellorar o obxectivo comprometido polo Goberno con Bruxelas (5%).

Así se desprende dos datos de execución orzamentaria das administracións públicas correspondentes ao ano 2022 expostos este xoves en rolda de prensa pola ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero.

DATOS DIFERENTES

Pola contra, segundo a Xunta o PIB de Galicia creceu un 0,4% e o obxectivo do déficit situouse nun 0,6% o pasado ano. Unhas cifras que para o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, demostran o músculo económico do país porque "hai menos débeda e menos endebedamento". De feito, presumiu de que o pasado ano, grazas a estes axustes, Galicia "aforrou 201 millóns de euros".

A Consellería de Facenda presentou este xoves un informe no Consello da Xunta que destaca a "fortaleza económica" de Galicia a pesar da crise. "Somos unha das autonomías con menos déficit", dixo Rueda ao tempo que lembrou que "é a segunda que mellor paga aos provedores; 15 días fronte aos 25 do conxunto do Estado".

O presidente da Xunta salientou que Galicia medrou un 3,8% o pasado ano fronte ao 3,5% das previsións e que se crearon 22.000 postos de traballo. Pero tamén recoñeceu que este 2023 a situación é de estancamento.

De feito, o Indicador Abanca-Foro de Conxuntura Económica de Galicia rexistrou no mes de xaneiro un incremento interanual do +1,2%. Os datos de comezo de ano confirman a contención da desaceleración da economía galega, unha vez recuperado en 2022 o nivel prepandémico. Porén, na comparación cos datos do conxunto do Estado persiste o desacople nos seus ritmos de crecemento, amosando España un mellor comportamento que Galicia.

Así, o indicador apuntaba que o inicio de 2023 non permite ser moi optimistas ao estar marcado por un contexto cheo de intercezas que afecta á confianza dos consumidores, á evolución dun sector chave como o industrial e, máis recentemente, aos mercados financeiros pola crise dos bancos e a guerra de Ucraína. 

"É certo que a previsión non é a mesma que tiñamos o ano pasado polo contexto económico internacional, aínda que é moi semellante ao que vai acontecer no conxunto do Estado", dixo Rueda sobre esta nova situación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta