Por Europa Press / Redacción | Galicia | 30/03/2023 | Actualizada ás 17:18
A organización estudantil Erguer, Estudantes da Galiza --vinculada ao BNG--, animou a todo o alumnado galego a "baleirar as aulas e encher as rúas" en contra da privatización da educación que denuncian durante as mobilizacións convocadas con motivo da folga do próximo 25 de abril.
Así o trasladou nun comunicado no que o responsable nacional da organización, Artai Gavilanes, declarou que "sobran os motivos, os estudantes non soportan máis esta situación de constante avance do sector privado sobre o dereito á educación, deben de estar aí para defender os seus intereses".
Neste contexto anunciou as concentracións simultáneas, que terán lugar ás 12,00 horas na Praza do Obelisco da Coruña; o Edificio Multiusos da Xunta en Lugo; a Subdelegación do Goberno de Ourense; a Praza da Peregrina en Pontevedra; a Alameda de Santiago de Compostela; o Farol de Urzaiz de Vigo e a pasarela de diante do IES Camilo José Cela de Padrón (A Coruña).
Ademais, a organización engadiu que non descarta anunciar máis mobilizacións a medida que avance a campaña de folga. Unhas actuacións que se suman ao traballo de difusión informativa en asembleas abertas nos centros de ensino ou mediante a repartición de material e contidos en redes sociais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.