Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/02/2015 | Actualizada ás 08:00
Presidencia de Goberno e trece ministerios. Arredor de 150 asesores cun custo de máis de oito millóns de euros anuais. Entre eles, un soldo destaca por riba dos demáis: Carmen Gamir Moras, ex-parella do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. En 2013, o último ano que recolle o informe do Portal de la Transparencia, percibiu ata 86.816 euros, máis que o presidente Mariano Rajoy (78.185 euros brutos).
A xornalista ocupa o cargo de "Asesora en materia de comunicación" dende febreiro de 2012 no gabinete da secretaria de Estado de Presupuestos e Gastos. No Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas traballa ás ordes da coruñesa Marta Fernández-Currás, que deixou a consellería de Facenda na Xunta para irse ao ministerio de Cristóbal Montoro.
Malia as políticas de austeridade e recortes dos Gobernos do PP, o salario de Chinny Gámir medrou de xeito considerable dun ano para outro. No 2012 cobrou 81.090,73 euros, pero aumentou un 7% ata os 86.816,70 euros en 2013. A ex-parella de Alberto Núñez Feijóo é, xunto con Antonio Imizcoz Villar, a asesora que máis cobra no Goberno central, segundo o devandito informe (http://transparencia.gob.es/es_ES/portal-de-transparencia-de-la-age/articulo/informacion-sobre-los-gabinetes-de-los-departamentos-ministeriales-y-presidencia-del-gobierno).
Carmen Gamir (Madrid, 1951) coñeceu a Alberto Núñez Feijóo cando, sendo correspondente do xornal La Región en Madrid, entrevistou no ano 2000 ao daquela presidente de Correos. Cando o líder do PP galego tomou posesión como presidente da Xunta en 2009, acompañouno Carmen Gámir no Parlamento; non foi así cando recuncou en decembro do 2012: xa non eran parella, dende o 7 de febreiro dese ano estaba contratada en Madrid como asesora de comunicación.
Na relación de asesores destacan outros familiares de coñecidos membros do PP: María Zaplana Barceló, filla do ex-ministro Eduardo Zaplana, e Álvaro Ramírez de Haro Aguirre, fillo menor de Esperanza Aguirre. Pero os seus soldos (62.287 e 64.198 euros) están lonxe do de Carmen Gamir, parella durante máis de dez anos do presidente Feijóo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.