Denuncian que pediatras traballan máis de 30 horas seguidas por falta de persoal no Sergas

O sindicato médico O'Mega critica que enlazan sete horas de consulta, 17 de garda nun hospital e outros sete nun centro de saúde.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 03/04/2023 | Actualizada ás 11:16

Comparte esta noticia

Os pediatras do Servizo Galego de Saúde (Sergas) que traballan en centros de Atención Primaria e fan gardas en hospitais do sistema sanitario público galego teñen xornadas de traballo de 31 horas seguidas, segundo denuncia O´Mega, o sindicato de facultativos máis representativo de Galicia.

Pediatra
Pediatra | Fonte: BAYER - Arquivo

Esta situación prodúcese porque ao terminar a súa xornada laboral de sete horas no centro de saúde no que teñen a súa praza -ás tres da tarde- incorpóranse ao hospital para realizar unha garda de dezasete horas -até as oito da mañá do día seguinte- e ao terminar esta reincorpóranse, sen solución de continuidade, a unha nova xornada de traballo de sete horas en Atención Primaria até as tres da tarde.

Segundo dencuncia este sindicato, o problema é especialmente grave no Hospital Materno Infantil Teresa Herrera da Coruña e no Álvaro Cunqueiro de Vigo. No hospital coruñés atópanse nesta situación nove dos pediatras que realizan gardas entre as tres da tarde e as oito da mañá do día seguinte, o que supón case a metade do total porque outros nove traballan no propio hospital e dous máis son médicos doutras especialidades.

En Vigo están afectados por esa situación entre 12 e 13 pediatras de Atención Primaria que fan gardas hospitalarias, mentres que outro seis están no mesmo caso no Hospital Luccus Augusti de Lugo. "Esta situación, que desde hai anos veñen sendo denunciada polo persoal sanitario ante os responsables do Servizo Galego de Saúde (Sergas) da área sanitaria da Coruña-Cee, non só vulnera a lexislación laboral que establece a necesidade de garantir un descanso de polo menos 12 horas entre dúas xornadas laborais, senón que somete aos facultativos a un sobreesfuerzo que resulta prexudicial para a súa saúde", denuncia O'Mega.

DENUNCIA Á VALEDORA

Os facultativos que se atopan nesta situación expresaron xa o seu malestar á dirección do Sergas en 2020 e chegaron mesmo a trasladar o problema á Valedora do Pobo. Os médicos solicitan que se lles permita descansar o día no que terminan a súa garda hospitalaria de 17 horas, pero o Sergas considera non lles pode conceder ese descanso ao que teñen dereito porque non conta con pediatras suficientes para substituírlles ese día.

Anpas e veciños maniféstanse en Vigo para demandar un aumento do persoal de pediatras
Anpas e veciños maniféstanse en Vigo para demandar un aumento do persoal de pediatras

O Sergas argumenta que os facultativos poden negarse a realizar gardas nos hospitais, unha proposta que O´Mega cualifica de "temeraria" porque estes especialistas fan case a metade das gardas hospitalarias da Coruña e un terzo das de Vigo. "Se deixasen de facelo, o Sergas tería dificultades para cubrir esta atención de urxencias e debería que botar man dos pediatras do hospital, o que indefectiblemente aumentaría as xa desproporcionadas listas de espera nas especialidades dos hospitais materno-infantís das principais cidades galegas", indican desde o sindicato.

O´Mega xa denunciou o pasado mes de marzo que a falta de pediatras provoca que máis de 11.000 nenos galegos non teñan ningún especialista asignado e urxiu á Xunta á cobertura do 18% das prazas de pediatría do Servizo Galego de Saude que actualmente están vacantes ou cubertas por médicos de familia en Atención Primaria.

O principal sindicato médico de Galicia considera que para paliar o déficit de pediatras no sistema público de Galicia, o Sergas debería cubrir as 61 prazas que actualmente están vacantes ou cubertas por médicos de familia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta