Por Galicia Confidencial | Lugo | 10/02/2015 | Actualizada ás 17:43
A Deputación de Lugo pagará tres millóns de euros aos herdeiros de Álvaro Gil para a adquisición dunha das coleccións de ourivería Prerromana máis importante do Estado. Rematan así 15 anos de sucesivos desencontros entre a familia do filántropo e mecenas lugués e a Deputación de Lugo que permiten que obxectos míticos da historia de Galicia como o torques de Burela ou o carneiro alado de Ribadeo pasen a ser propiedade dos lucenses.
O presidente do organismo provincial, José Ramón Gómez Besteiro; o responsable de Cultura da Deputación e do Museo Provincial de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro; e Carlos López Gil, en representación dos herdeiros de Álvaro Gil Varela, asinaban o contrato de compravenda a través do que a colección de 40 pezas de ourivería prerromana do filántropo lugués pasa a pertencer en propiedade ao organismo provincial. Un acordo no que se aforrou, segundo a entidade provincial, cinco millóns de euros.
Trátase de pezas de arqueoloxía que son indicadores do pasado dos pobos do noroeste que conformaría posteriormente a Gallaecia romana ou xa despois o primeiro reino moderno de Europa, o Reino de Galicia. Restos de Viveiro, Mondoñedo, Burela, Foz, Castro de Rei ou Riotorto, pero tamén de Toques, Melide, Pontedeume, Boiro, A Estrada ou da Gudiña.
Pero, quen foi o que conseguiu reunir un dos tesouros máis prezados de Galicia. Mario Outeiro lembra neste artigo a figura de Álvaro Gil.
UN DÍA PARA A HISTORIA
Tal día como hoxe, hai 206 anos, é dicir no 1809, foi asasinado Antonio Reimundo Ibáñez, fundador da fábrica de cerámica de Sargadelos preto de Ribadeo por unha turba que o acusaba de afrancesado. Un acto vil que remataba coa vida dun empresario galego, de adopción, que impulsou a industrialización da zona, creando primeiro unha ferrería e logo toda unha industria en Cervo, na que chegou a fabricar armas e vaixelas finas. Unha referencia seguida por Don Isaac Díaz Pardo que xuntamente con Álvaro Gil ou os irmáns Fernández loitaron polo despegue económico da nación galega cos pés na terra e o compromiso firme coa cultura e coa sociedade na que se desenvolvían.
Esta é a efeméride que marca un día que será lembrado para o futuro polo regreso definitivo do núcleo central da sala nº 8 do Museo Provincial de Lugo, coñecida como a Sala do Tesouro, é dicir, a volta do legado de D. Álvaro Gil Varela, o Álvaro Xil como era coñecido entre a intelectualidade galeguista da que formaba parte. Un día importante na que a cidadanía lucense e por extensión as galegas e os galegos fanse propietarios, nun proceso paulatino que se alongará ata comezos do 2018, dunha das mellores coleccións de ourivaría antiga da Península Ibérica. Colección que será exposta nun museo público, gratuíto e accesíbel para todas e todos como é o presente Museo Provincial de Lugo e que xa a acubillou nas catro décadas anteriores.
A figura de D. Álvaro é por desgraza inxustamente descoñecida para a cidadanía. Gil, ou Xil como o denominaban moitos dos seus compañeiros da época, era un amante da arte e da cultura galega. Fillo do Oficial Maior da Deputación, foi fundador de Ronsel e membro da Mocidade Céltiga en Madrid onde estudou Enxeñaría Técnica de Montes ademais de frecuentar os círculos galeguistas e republicanos. Estudou xenética vexetal na Universidade de Berlín, traballou na Deputación de Lugo e participou xunto con Cruz Gallástegui na Misión Biolóxica de Galiza nunha cidade do Lérez no que partillou amizade con Castelao e Bóveda que lle abriron as portas do Partido Galeguista. Despois do levantamento militar foi encarcerado na Illa de San Simón e depurado ao impedirlle exercer como enxeñeiro polo réxime.
É daquela cando os Fernández, acoden ao seu rescate e inicia con eles unha das etapas máis frutíferas da empresa en Galiza, coa creación e xestión de firmas como Zeltia, Transfesa, Cementos del Noroeste, Cementos Cosmos, Pescanova, Frigsa, Frigolouro... Xuntos traballaron porque os beneficios empresariais axudaran a protexer e a difundir a cultura galega así como a protexer a ducias de galeguistas que sufriron a profunda represión dun réxime sen escrúpulos. Impulsou Galaxia, participou na Fundación Penzol, foi membro da Real Academia Galega, da de Belas Artes de San Fernando, e membro dos padroados dos museos de Pontevedra (ao que tamén fixo doazóns) e do Lugo, co que foi especialmente xeneroso.
Sexa D. Álvaro, ou os Fernández, o espello no que se miren os empresarios galegos do presente, fundamentalmente nuns tempos de crise que todo o arrasan, e sexan os galeguistas de antano o facho acceso que guíe as decisións de todos os que temos responsabilidades de goberno. Porque pese as diferenzas ideolóxicas, todos debemos estar unidos de cara a defensa do noso pobo e do ben común.
Porque este tesouro que volve ao Museo de Lugo son os restos dos nosos antepasados. Douradas pezas de arqueoloxía que fóra do morbo do elemento metálico en cuestión, son indicadores dun pasado vizoso dos pobos do noroeste peninsular que conformarían posteriormente a Gallaecia romana ou xa despois o primeiro reino moderno de Europa, o Reino de Galiza. Restos de Viveiro, Mondoñedo, Burela, Foz, Castro de Rei ou Riotorto, pero tamén de Toques, Melide, Pontedeume, Boiro, A Estrada ou da Gudiña. Galiza enteira a maiores do enigmático Carneiro Alado de incerta procedencia xeográfica pero dunha valiosísima execución artística.
Dámos por rematado no día de hoxe a 15 anos de sucesivos desencontros entre a Deputación de Lugo e os herdeiros de D. Álvaro Gil, un conflito iniciado no ano 1999, cando gobernaba a Deputación D. Francisco Cacharro Pardo. Unha magnífica noticia, sen dúbida, para a cidadanía lucense que sobarda os límites provinciais xa que recuperamos para o pobo galego un destacado tesouro do patrimonio material da nación galega. Agora só resta invitar a todos os lucenses e a todas as lucenses, a todos os galegos e a todas as galegas, a vir a Lugo a coñecelo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.