Pontón pide a cesión gratuíta de vivendas da SAREB a Galicia e pide non facer "electoralismo" coa vivenda

"Están a dicirnos que as vivendas que xa pagamos mediante un rescate bancario, imos ter que volver pagalas con recursos públicos", denunciou a portavoz nacional do BNG.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/04/2023 | Actualizada ás 15:52

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou que a cesión de vivendas da Sareb a Galicia sexa gratuíta e pediu abordar os problemas de vivenda con "rigor" e sen a "propaganda e o electoralismo" no que, na súa opinión, "están instalados o Goberno central e o Goberno do PP na Xunta".

"Porque nin con propaganda nin con anuncios electorais vanse a solucionar os problemas que os galegos e as galegas teñen para acceder a unha vivenda", sostivo nunha rolda de prensa na que lembrou que "16.500 persoas" están inscritas no rexistro de demandantes de vivenda protexida.

Neste sentido, tras o anuncio do Goberno central da cesión de 50.000 vivendas da Sareb e un 20% do parque público de vivenda, Pontón censurou que non se estea falando dunha "cesión gratuíta". "Están a dicirnos que as vivendas que xa pagamos mediante un rescate bancario, imos ter que volver pagalas con recursos públicos", denunciou.

Fronte a esta oferta de compravenda do Executivo de Pedro Sánchez, propuxo a cesión gratuíta a Galicia das 3.000 vivendas que a Sareb ten en Galicia, tanto as xa construídas como as que están en construción. "Volveremos levar esta semana ao Parlamento esta proposta, porque aínda que xa se aprobou por unanimidade hai meses, o PP non fixo nada para levala a cabo", sinalou.

Na súa intervención, Pontón afirmou que entre o 2014 e o 2018, o Goberno do PP só construíu unha vivenda protexida destinada a aluguer e, con cargo ao Plan de Vivenda 2014-2021, só construíronse 39 inmobles despois de anunciar a construción de 800.

"Isto dá boa mostra de como o PP dinamitou a política pública de vivenda deixando sen executar a maior parte dos fondos", indicou a líder do Bloque. Ademais, destacou que o Bloque presentou unha emenda á Lei de vivenda no Congreso na que reclama a cesión gratuíta destes inmobles.

Aos anuncios "electoralistas" do Goberno, Pontón sumou os do Executivo do PP desde a Xunta. "Un Goberno de Rueda que, tras dinamitar a política de vivenda protexida, agora anuncia que vai facer en tres anos o que non fixo en 4", e todo adobado d as declaracións do presidente da Xunta nas que aseguraba "non actuar antes porque o PP non detectara problema algún no acceso á vivenda en Galicia".

Ademais do dato de 16.500 persoas que demandan vivenda pública, a portavoz nacional cifrou nun 30% a subida dos prezos do aluguer nos últimos anos nas grandes cidades "nun país no que os salarios e as pensións están por baixo da media estatal".

RUEDA E O PP, "TOTALMENTE DESCONECTADOS DA REALIDADE"

Neste contexto, dixo, as declaracións de Rueda constatan que hai un PP e un presidente da Xunta "totalmente desconectados da realidade da xente". Por iso, Pontón reclamou a Rueda "menos electoralismo e menos propaganda antes das eleccións municipais e máis política de vivenda real".

"Se facemos contas", sinalou, "desde 2009 ata este 2023, o PP recortou nos orzamentos de vivenda protexida 1.800 millóns de euros e resulta evidente que se estes recursos investíronse, non teriamos un rexistro de vivenda protexida colapsado nin teriamos unha taxa de emancipación tan baixa", destacou.

Para abordar con rigor os problemas de acceso á vivenda, o Bloque reclama un plan con compromisos concretos por anualidades, que determinen onde se vai a construír vivenda pública e canta será de promoción pública e de promoción privada. "Necesitamos unha estratexia ampla e ambiciosa para o incremento de parque público para os galegos e as galegas que nos permita alcanzar, como mínimo, o 5% total no próximos cinco anos", indicou.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 vFBG

Coma se ela tiver problemas de vivenda... 😏

1 Gamela

Pontón pide... se esixira e fixera valer a súa coalición na Deputación de Pontevedra os pisos da Sareb xa estarían cheos de inquilinos en Vigo (e posiblemente noutros Concellos) https://twitter.com/00Memoria/statu... O malo é que que contra o vício de pedir, algúns sempre teñen a virtude de non dar... NADA !