Infraestruturas, turismo e deporte: así investirá a Deputación de Ourense 1,1 millóns de euros

En total, 39 proxectos promovidos por concellos e entidades sociais beneficiaranse da partida económica.

Por E.P. | OURENSE | 25/04/2023 | Actualizada ás 18:25

Comparte esta noticia

A xunta de goberno da Deputación de Ourense aprobou este luns a concesión de máis de 1,1 millóns de euros para a execución de 39 proxectos promovidos por concellos e iniciativas a desenvolver por entidades económicas, culturais, sociais e deportivas. Dese total, 19 son solicitudes de subvención, cun valor total de 666.000 euros.

Xunta de Goberno da Deputación de Ourense. Patricia T. DEPUTACIÓN DE OURENSE
Xunta de Goberno da Deputación de Ourense. Patricia T. DEPUTACIÓN DE OURENSE | Fonte: Europa Press

Entre as axudas aprobadas neste capítulo figura unha achega para o funcionamento da Mancomunidade Turística dos concellos do Carballiño, Ribadavia, Boborás e Leiro (20.000); en Maceda contarán con axuda para a mellora do firme en Outeiro da Torre (case 48.000 euros); o arranxo da sede da Fundación Carlos Velo en Cartelle (75.000); as obras na piscina de Castrelo de Miño (48.000); e o asfaltado de rúas en Castrelo do Val (48.000 euros).

Tamén se destinarán fondos para redes de abastecemento e saneamento en Riós (máis de 81.000 euros). Con idéntica cantidade en cada caso --48.000 euros--, en Toén redactarase o proxecto para a Casa Pai Miño; en Trasmiras executarase a mellora das piscinas municipais de Vilaseca; en Veiga realizaranse obras de saneamento; e no Concello de Verea realizaranse obras na cuberta do Fogar Residencial. Outra das iniciatvias será a adquisición do inmoble que acollerá a sede da Fundación Carlos Casares (60.000), en Xinzo de Limia.

COLABORACIÓN CON ENTIDADES

Polo que respecta á colaboración con entidades, aprobáronse unha vintena de axudas por importe de 78.000 euros. En materia de promoción económica, a Confederación Empresarial de Ourense (CEO) disporá de 45.000 euros para o plan Reactiva 45 e o Consello Regulador do Ribeiro terá 60.000 euros para actualizar o seu rexistro de patrocinios.

No ámbito social, Aixiña contará con axuda para gastos de funcionamento neste ano (50.000 euros); a Fundación Gavela, que defende os dereitos das persoas con enfermidades mentais, poderá manter os seus servizos xurídicos (60.000); e a Asociación de Persoas Xordas de Ourense poderá executar un proxecto provincial (25.000).

ÁMBITO DEPORTIVO

En Deportes, A Fundación Ado Moure prol Deporte disporá de axuda para o Día da bici deste ano (12.000 euros); o Verín Club de Fútbol para gastos de funcionamento (17.500); como tamén coa mesma finalidade para o Centro de Deportes Barco (18.000) e para o Ourense Club de Fútbol SAD (50.000). A Federación Galega de Atletismo recibirá unha achega para actividades en pista cuberta (10.000) e a Escuadra Valdeorras para o V Subida a Valdeorras (20.000).

Os ámbitos da cultura e do patrimonio tamén contarán con subvencións, entre elas para gastos de funcionamento do Pen Club Galicia (25.000 euros), así como tamén co mesmo obxectivo para o instituto de Estudos Valdeorreses (13.500). A Diocese de Astorga recibirá tamén unha achega para a igrexa de Sobradelo, en Carballeda de Valdeorras (30.000).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta