Roberto Fernández doará os dereitos da novela gañadora do Premio Blanco Amor a iniciativas solidarias

Fernández explicou que a novela se basea en tres fíos que, ao seu parecer, "trenzan a historia da humanidade; o amor, a morte e a violencia".

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 02/05/2023 | Actualizada ás 20:59

Comparte esta noticia

O Pazo Provincial de Ourense acolleu este martes a presentación da novela gañadora do XLI Premio Blanco Amor, 'A inmoral doutora Cons', escrita polo médico ourensán Roberto Fernández. "Estou moi satisfeito coa publicación e co traballo man a man co editor", destacou o autor da obra, anunciando a cesión dos seus dereitos a iniciativas solidarias que desenvolve a Sociedade Española de Medicamento Xeral en Managua, Nicaragua, e en Tinduf, en Algeria.

Fernández explicou que a novela se basea en tres fíos que, ao seu parecer, "trenzan a historia da humanidade; o amor, a morte e a violencia", aos que engadiu a enfermidade no mundo rural e a chegada dunha doutora muller con formación científica, "unha excepción para a época", xa que a obra sitúase na década dos 50 do século XX.

A novela narra os acontecementos vividos por Nonato González, 'Golpe', na súa adolescencia, coa chegada ao seu pobo da doutora África Cons do Val. Para o xurado, foi a merecedora do galardón por "a habilidade do autor para reconstruír un tempo pasado" e "un retrato certeiro" do rural galego desde a perspectiva dunha médica que chega de fóra e que "loita por desfacerse dos prexuízos instalados na sociedade".

"O proxecto é 100% ourensán, cun autor asentado en Ourense, médico de atención primaria en Allariz; cunha novela ambientada en Pazos de Arenteiro, cunha editorial allaricense e o río Arnoia na portada", defendeu o director de Aira editorial, César Lorenzo. Ademais enxalzou ao autor como "unha nova voz que conxuga madurez, experiencia e coñecemento da literatura actual" e describiu a novela como "unha inmensa galería de personaxes onde case todo parece unha fábula".

Así mesmo, Lorenzo subliñou o labor da Fundación Branco Amor e da Deputación de Ourense, "mantendo e reforzando o premio máis veterano e de maior prestixio das letras galegas" e animou a outros novelistas a presentar as súas propostas nas próximas edicións.

Ourense abre o prazo para participar na XLII edición do premio de novela Blanco Amor
Ourense abre o prazo para participar na XLII edición do premio de novela Blanco Amor | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta