Fuxir do asedio ruso de Mariupol: lembranzas do descenso ó inferno dunha cidade

Galicia Confidencial comeza unha segunda serie de reportaxes sobre a guerra de Ucraína con Miriam González, reporteira galega que se atopa nestes momentos no punto máis quente do planeta. Nesta nova crónica, Miriam relata a historia de Denís Budnikov que saíu de Mariupol en marzo de 2022 mentres o exército de Moscova desataba tormentas de mísiles sobre o seu fogar, pero o seu fillo adolescente quedou alí atrapado.

Por Miriam González | Kiiv | 08/05/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

“O clima de Mariupol e moi diferente o de Kiív, quero volver alí cando a bandeira de Ucraína ondee de novo”. Denis Budnikov está a punto de cumprir 45 anos e tiña unha vida en Mariupol que xa non existe. Era dono unha empresa de recambios de coches e agora reconverteuse en taxista na capital ucraína. Os comezos nunca son sinxelos, sobre todo se hai que seguir adiante co trauma da guerra. Este veciño de Mariupol é testemuña diso, pero non se queixa: “Atopei este traballo, podo pagar as miñas facturas e a miña familia agora está ben”. Con todo, a angustia para este home non acabou cando deixou cidade o 15 de marzo de 2022. O seu fillo de 16 anos, Artiom, quedou atrapado na parte leste da urbe e pasaron varias semanas ata que Denís soubo que seguía vivo. “Nese tempo sufrín moito xa que non había posibilidade de contactar con ninguén que estivese na cidade”, lembra. 

Denís Budnikov na Praza da Independencia de Kiív
Denís Budnikov na Praza da Independencia de Kiív | Fonte: Miriam González

Unha das características desta guerra é a ampla capacidade rexistrar con fotos e vídeos case todo o que acontece, tanto por parte dos medios de comunicación, como polos cidadás e os exércitos. E foi un vídeo filmado por un canal de noticias ruso o que puxo fin a angustia de Denís: “Cando a miña irmá atopou esas imaxes nas que Artiom atravesaba unha das rúas de Mariupol chea de cascallos foi o día máis feliz da miña vida. O meu fillo estaba vivo”.

A invasión a gran escala de Ucraína provocou máis de 5 millóns de desprazados internos e  moitos deles xa non teñen casa a que poder volver. Este é o caso de Denís, que mostra na aplicación de Google Maps -actualizada con imaxes de Mariupol completamente arrasada- o que queda do seu barrio. Hai xa máis dun ano daquel fatídico 24 de febreiro no que o son das explosións se replicaron pola xeografía de do país. Esta cidade, agora simbólica pola feroz resistencia que impuxeron as tropas ucraínas durante os 80 días que durou o asedio, estaba vivindo unha época de renovación. Antes da segunda invasión rusa, Mariupol quería deixar atrás a súa imaxe de cidade ligada a industria pesada e a guerra, había moitos plans para esta urbe con vistas ao mar de Azov; todo caeu coma un castelo de naipes cando o exército e a artillería do Kremlin avanzou polas terras do veciño.

"Consideraba aos rusos coma un pobo irmán, había amizade entre nós, era unha xente pola que sentía moita simpatía"

Cando comezou a guerra no leste de Ucraína en 2014, Mariupol foi un escenario importante e Kiív chegou a perder o control da cidade durante uns días. Denís recordaba o son dos sistemas de lanzamento múltiple de foguetes (GRAD) que atinxiron Mariupol en 2015. “Non foron os separatistas [de Donetsk e Lugnask] os que iniciaron isto, foi Rusia. Moscova estivo detrás de todo aquelo”, sinala.  A visión que tiña Denís de Rusia antes de que o Kremlin anexionase Crimea, era moi diferente: “Consideraba aos rusos coma un pobo irmán, había amizade entre nós, era unha xente pola que sentía moita simpatía”. Para unha gran parte da sociedade de Ucraína era imposible pensar que Moscova, finalmente, se atrevería a desatara guerra contra o seu país. 

Fotograma dun vídeo obtivo por un canal de noticias de Rusia onde se observa a Artiom escapando dos bombardeos en Mariupol
Fotograma dun vídeo obtivo por un canal de noticias de Rusia onde se observa a Artiom escapando dos bombardeos en Mariupol

"MEMENTO MORI" EN MARIUPOS

A pesar do ánimo e o bo humor de Denís, cando recorda o que viviu en Mariupol a súa mirada escurecese e cambia drasticamente. Recordar é traumático, volver a aqueles lugares e momentos nos que unha cidade do século XXI, volveu máis de 200 anos atrás: “Non había auga, non había electricidade, non había gas...Os medicamentos escaseaban, e era cuestión de tempo que tamén faltase a comida”. A infraestrutura civil quedou totalmente aniquilada por orde do xeneral ruso Mijaíl Mizíntsev, ex viceministro de Defensa, que pasou a ser comandante do grupo de mercenarios rusos “Wagner”. Mariupol era un punto clave para poder establecer un corredor terrestre que unise o territorio ruso con Crimea, a beira do Mar de Azov. 

A rúa na que Denís vivía recibiu un mísil o propio día 24 de febreiro e asasinou a unha muller fronte a súa casa. El vivía no último piso do seu edificio e a medida que transcorrían os días comezou unha peregrinación de casa en casa -de amigos e familiares- en busca dun lugar no que puideran sobrevivir os impactos das bombas. No seu teléfono móbil ten varios vídeos da vida e da morte nesta cidade durante os peores combates. El so puido gravar un, porque había que gardar a batería do teléfono ante a imposibilidade de atopar corrente eléctrica. Varios corpos tendidos no chan e o son das explosións de fondo que cada vez se acercaban. “Esta xente que se ve aí morta estaba cociñando na rúa cando se produciu o impacto dunha bomba lanzada por Rusia”. O home recorda que era a única forma de comer algo quente. “Cociñábase fora das casas, con leña. Non había posibilidades de facelo doutra maneira”. 

“O instinto de supervivencia é moi poderoso, tiña medo claro, pero non caín en pánico"

Que experimenta unha persoa cunha vida tranquila e normal cando de súpeto asedian a súa casa con mísiles e carros de combate? É unha cuestión sobre a que Denís nunca quixo ter coñecemento, pero agora sabe o que se sinte: “O instinto de supervivencia é moi poderoso, tiña medo claro, pero non caín en pánico. Durante aqueles primeiros días pensei que todo acabaría pronto. Todos o pensábamos, pero aquel inferno estaba comezando”.

A pesares do perigo, Denís cruzou varias veces a cidade para intentar trasladar o seu fillo Artiom, que vivía coa súa ex muller, a un lugar máis seguro. Con todo,  non se sabía cal sería a zona na que tería lugar o próximo ataque. “Todo sucedeu moi rápido, e a conexión teléfónica perdíase cada pouco tempo”. Denís soubo que Artiom estaba no distrito de Kalmiuski, á marxe esquerda da cidade: “O 6 de marzo puiden ir ata alí e vin que todos estaban ben, naquela zona estaba relativamente calmado e o meu fillo decidiu permanecer alí, foi a última vez que nos vimos”. 

As noticias falsas comezaron a circular xa o principio da invasión destaca Denís. “Un antigo amigo meu que estaba en San Petersburgo díxome que eran os militares ucraínos os que estaban atacando a poboación civil. Iso é falso”. O home conta que os propios rusos puñan a bandeira de Ucraína nos tanques mentres disparaban aos edificios residenciais e o filmaban: “era un truco do exército ruso”. 

"En cada un deste checkpoints revisaron os teléfonos de todos os que fuxían dos combates: tamén me fixeron quitar a roupa para ver se tiña tatuaxes”

Cada día en Mariupol era una lotería fatídica na que se podía perder a vida, a situación empeoraba e a muller de Denís caeu enferma e non había forma de atopar medicinas. Foi nese momento cando o home decidiu que era preciso saír da cidade. O primeiro que necesitaban era conseguir gasolina, unha cuestión que non era tarefa fácil. Pasaron varios controis rusos na odisea que foi chegar a zona baixo control de Kiív. En cada un deste checkpoints revisaron os teléfonos de todos os que fuxían dos combates: “tamén me fixeron quitar a roupa para ver se tiña tatuaxes”, apunta Denís. “Finalmente conseguimos chegar a Zaporizhia e decidín vir a Kiív”. 

A primavera na capital de Ucraína é agradábel, pero fría. Denís recorre cos seus ollos os recunchos da emblemática Praza da Independencia de Kiív, intenta manter o ánimo e recorda aqueles familiares que quedaron na súa cidade baixo a ocupación rusa: “Non podemos falar moito con eles, o importante é non dar ningún tipo de información que os poida comprometer...falamos do tempo, por exemplo”. Denís recoñece que hai xente en Mariupol que “ten o síndrome de Estocolmo”, pero moitos outros seguen a espera da expulsión dos ocupantes rusos. 

VIVIR BAIXO A OCUPACIÓN DE RUSIA

Artiom ten 16 anos e sobreviviu cinco meses en Mariupol. Este adolescente que agora reside en Alemaña conseguiu saír da cidade a principios do mes de xullo de 2022. A pesares da súa xuventude e do vivido está disposto a contar como foron eses meses, cando todo o seu mundo saltou polos aires. “Non foi fácil”, escribe na conversa de Telegram, e envía un vídeo filmado por el mesmo onde se pode ver a destrución do que fora o seu apartamento. Despois de que o seu barrio caera presa dos foguetes rusos tivo que fuxir: “O refuxio que tiña máis preto era un hospital psiquiátrico, estivemos no soto daquel lugar durante moito tempo. Non sabería dicir exactamente canto. De súpeto comezaron a bombardear de novo e tiven que saír de alí. Había varios cadáveres que tiven que esquivar, todo estaba en ruínas…”. 

Este rapaz afirma que conseguiu saír da cidade polos seus propios medios, os militares rusos que había alí non axudaron a nada. Describe o trato que dispensaban os ocupantes os civís como “neutral”. Non era malo en xeral, pero tampouco bo. A axuda humanitaria que só podía chegar por parte do estado agresor era pouca :“non era suficiente para todos”. Artiom puido ir a casa da súa avoa que, de xeito milagreiro, seguiu intacta. Pasaron semanas sen luz eléctrica e auga que conseguían era do pozo. 

“Os militares rusos preguntáronme se quería loitar por Rusia, ou se pola contra estaba a favor de Ucraína”

Cando a finais de maio do ano pasado, Moscova se fixo co control da cidade, había controis de todo tipo para moverse dentro da urbe: “Comprobaban as tatuaxes, o teléfono e había interrogatorios”. Artiom pasou por todo este proceso: “Os militares rusos preguntáronme se quería loitar por Rusia, ou se pola contra estaba a favor de Ucraína”. Aquel momento foi “un pouco aterrador”, sinala o mozo. 

Finalmente pouco antes de deixar Mariupol unha cámara gravou os últimos momentos deste rapaz na súa cidade natal. Para buscar un lugar segura tiña que pisar o territorio do país que comezou a invasión contra Ucraína. “En Rusia só estiven de paso, subín xunto coa miña nai a un autobús que nos levou ata a cidade rusa de Taganrog, despois un condutor privado trasladounos ata Polonia e alí un autobús tróuxonos gratis ata Alemaña”. A pesar da guerra e dos recordos que permanecerán sempre con el, a vida segue, e Artiom está a estudar alemán: “Agora síntome ben, intento non pensar no malo e falo moito cos meus amigos”.

Os exército ucraíno está a ultimar os preparativos para unha inminente contraofensiva contra as tropas rusas.  Moitos dos que deixaron Mariupol desexan que se escriba un novo capitulo para a súa cidade, que chegue a paz e volva a estar baixo o control de Ucraína.  

“Hai derrotas que teñen máis dignidade cunha vitoria”, dixo nalgún momento o escritor arxentino Jorge Luis Borges e non pode haber mellor síntese para definir o sucedido en Mariupol, unha cidade pola que os ucraínos seguen loitando. Unha cidade onde os ucraínos esperan á volta dos seus compatriotas. 

Fotograma do vídeo filmado por Denís Budnikov no seu barrio durante un ataque ruso en Mariupol que asasinou a varias persoas
Fotograma do vídeo filmado por Denís Budnikov no seu barrio durante un ataque ruso en Mariupol que asasinou a varias persoas
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta