Os combatentes anarquistas na guerra de Ucraína: “Loitamos contra o imperialismo ruso”

Están integrados en todas as ramas militares do exército ucraíno. Defínense como inimigos da opresión. Son de varias nacionalidades: ucraínos, rusos, bielorrusos e de outros países occidentais. O seu lema é: “Pola nosa liberdade e pola túa”. Hai varios grupos anarquistas, pero a maior organización é o Comité de Resistencia. Trátase da principal coordinadora de voluntarios antifascistas e libertarios que tomaron as armas contra a invasión de Moscova. A nova crónica da corresponsal de GC na Guerra de Ucraína, Miriam González.

Por Miriam González | Kiiv | 28/08/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Rock sempre imaxinou que pelexaría nunha guerra de clases. Agora loita contra un “estado imperialista”. Varias tatuaxes adornan os seus brazos e xa participou en accións de combate. Cando fala dos seus compañeiros emprega a palabra “tovarich”; camarada en ruso. Chega acompañado dunha moza que vai axudar ca tradución. Ela é tamén unha anarquista que pertence aos Colectivos Solidarios. En Ucraína hai una rede de “voluntarios antiautoritarios” que colaboran activamente no esforzo de guerra.  Batallan na fronte e tamén fan misións humanitarias.

Un grupo de anarquistas na guerra posa nalgún lugar do frente
Un grupo de anarquistas na guerra posa nalgún lugar do frente | Fonte: Foto cedida

O verán en Kiív é igual de duro que o de Ourense. Por sorte o lugar escollido para o encontro é un parque que non está lonxe da estatua da “Nai Ucraína”. Unas semanas atrás o seu nome era “Nai Patria” e seguía conservando o escudo soviético. Nun banco a sombra preto do monumento o soldado descoñecido, Rock explica por qué un anarquista loita por un estado. O obxectivo está claro: a defensa de Ucraína contra a agresión imperialista. Para poder loitar de forma efectiva necesítanse armas. E para ter armas é preciso estar no exército, explica Rock.

Non quero que Ucraína este baixo o control xeopolítico de Rusia, se iso pasa terminará sendo un país parecido a Belarús e Kazaxistán” insiste o mozo. Con todo, admite que tomar a decisión de alistarse non foi sinxelo. Tiña moitas dúbidas xa que sabía que ía estar no mesmo bando de xente con ideoloxías de dereita ou extrema dereita: “Na rúa estaríamos en barricadas diferentes; foi un desafío”, anota. Pero o impacto da invasión a gran escala de Ucraína fixo que organizacións antagónicas dependesen unhas das outras para sobrevivir. Rock, recoñece que houbo amplos debates dentro do movemento antifascista sobre esta cuestión. 

Outro dos principais motivos para alistarse é que este conflito armado “é unha oportunidade para que as nosas ideas sexan mais populares”. Ademais os anarquistas ucraínos xa teñen experiencia militar :“Isto é importante para o movemento xa que dende hai 10 anos crece o apoio social ao populismo de dereitas en toda Europa”.

“Eu loitei con armas dos tempos de Vietnam"

Homenaxe na cidade de Odesa aos tres anarquistas mortos en Bakhmut
Homenaxe na cidade de Odesa aos tres anarquistas mortos en Bakhmut | Fonte: Foto do Comité de Resistencia

Para este mozo anarquista é un paradoxo que se fale “do goberno nazi de Ucraína, cando noutros países de Europa -Alemaña, Francia ou Italia- este tipo de partidos teñen un maior apoio social”. Rock ten unha visión completa do panorama político internacional e a súa importancia nesta guerra. Asegura que dende 2014 a Unión Europea só apoiou a Ucraína “con palabras”. E afirma que a chegada de armamento só se fixo efectiva cando a sociedade ucraína demostrou que resistiría; “eu loitei con armas dos tempos de Vietnam”. Aquí confrontase “o fascismo ruso, pero para os socios occidentais é máis importante debilitar a Moscova, que Ucraína gañe a guerra” subliña o combatente. 

ANTIAUTORITARIOS NO EXÉRCITO

O Comité de Resistencia comezou a funcionar unhas semanas antes da invasión a gran escala de Ucraína. Aínda que a corrente maioritaria é anarquista, hai tamén outras tendencias: antifascistas, libertarios, anarcofeministas, ecoloxistas.... Por este motivo defínense como antiautoritarios. No inicio da invasión en febreiro de 2022, esta coordinadora serviu de enlace para os voluntarios que estaban dispersos en diferentes unidades. Rock afirma que a situación agora é mellor para estes colectivos xa que pouco a pouco van tendo a oportunidade de pelexar xuntos. Moitos combatentes anarquistas e antifascistas tiveron que integrarse en distintas unidades do exército, sobre todo no inicio. 

Naquelas unidades compostas por anarquistas toman as decisión de forma democrática. Pero moitas veces non é posible pola situación de risco entón delegan na persoa máis experimentada. Aínda así a influencia destes combatentes no ámbito castrense é polo de agora pequena. Rock di que os anarquistas non prestaron atención a guerra do leste do país durante oito anos. “No Maidán intentouse crear o grupo dos 100 negros, pero a extrema dereita acabou con esta formación, e moitos decidiron non loitar”. Por este motivos moitos grupos que si participaron nas hostilidades do Dombás acadaron maior respecto social e influencia.  “Se nós tiveramos loitado antes, agora poderíamos ter as nosas propias formacións”, explica Rock. 

Esta coordinadora apoia a “activistas autónomos e as iniciativas horizontais que resisten ó colonialismo e o imperialismo do estado ruso”. Publicaron o seu propio Manifesto o pasado 20 de maio de 2022. O obxectivo, sinalan, é unir esforzos dos loitadores antiautoritarios. Destacan que “a loita dos ucraínos da esperanza de liberación a todos os oprimidos polo putinismo”. Ademais, salientan que non son inimigos dos pobos de Rusia e Bielorrusia e piden a todos estes cidadáns que “loiten contra a ditadura” con eles. 

Esta coordinadora apoia a “activistas autónomos e as iniciativas horizontais que resisten ó colonialismo e o imperialismo do estado ruso”

O Comité de Resistencia, xunto coa iniciativa dos Colectivos Solidarios -voluntarios civís- trata de conseguir fondos para material táctico e médicos para militares. Tamén apoian a os refuxiados internos e realizan evacuacións de zonas que están preto da fronte.

A ESQUERDA EUROPEA E PUTIN

Para moitos ucraínos en xeral e para os voluntarios antifascistas en particular é sorprendente a posición dalgunhas membros esquerda nesta guerra. Rock cre que moitos esquerdistas consideran que estar contra OTAN é progresista. Con todo, o voluntario sinala que se pode estar en contra da Alianza Atlántica e a vez estar contra a agresión imperialista rusa. Non son cuestións contraditorias para el. 

Outra das causas que explica esta situación é a “idea confusa” de que a Rusia actual é unha sorte de herdeira da URSS, o cal non é certo. A Federación Rusa é un país conservador de dereitas. “O Kremlin fixo o imposible por reprimir as organizacións sociais de todo tipo para impedir protestas. Ata os sindicatos están controlados polo poder” sentencia o voluntario. Un dos motivos polos que certos grupos de esquerdas apoian a narrativa rusa, segundo Rock, e que Moscova os apoiou con diñeiro.

Existe a “idea confusa” de que a Rusia actual é unha sorte de herdeira da URSS, o cal non é certo. A Federación Rusa é un país conservador de dereitas

Tamén dentro do movemento anarquista hai actores prorrusos, “a eses chamámoslles anarcoputinistas, porque fan propaganda e nin sequera cobran”, aclara Rock cun sorriso irónico. En xeral os loitadores de esquerdas en Ucraína reciben moita menos atención que outras organizacións. Pero tamén están a entregar as súas vidas nesta guerra. O pasado 19 de abril tres “revolucionarios internacionalistas” morreron na batalla de Bakhmut. 

Combatentes anarquistas coa bandeira da oposición bielorrusa
Combatentes anarquistas coa bandeira da oposición bielorrusa | Fonte: Foto cedida
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Alfons

muy claro y muy valiente este anarquista. Si la mayoría de izquierdas actuáramos así la lucha por la autodeterminación y la libertad en Europa estaría mejor...

1 Lubian

Ser de dereitas è apoiar a neonazis pagados polos ianquis. O outro bando, arestora, ven sendo a democracia e progreso. Viva o BRICS.