Unha voz desde o exilio: Khadija Amin e a loita contra o esquecemento

Entre as bombas de Gaza e os titulares sobre Irán, a causa das mulleres afganas queda relegada. Dende Galicia, Khadija devolveulle visibilidade e esperanza a unha loita que non se rendeu.

Por Elena G.Fdz | Santiago de Compostela | 13/07/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

En tempos nos que o ruído das guerras máis mediáticas, como os bombardeos en Gaza ou os ataques entre Israel e Irán, ocupa os titulares e monopoliza os focos internacionais, outras loitas igual de urxentes pero menos rendíbeis en termos xeoestratéxicos son empurradas ao esquecemento. É o caso das mulleres afganas, silenciadas por un réxime talibán que lles negou o dereito a existir na vida pública e ignoradas por unha comunidade internacional que, segundo a xornalista e activista Khadija Amin, "non fixo o suficiente".

Khadija Amin
Khadija Amin | Fonte: Amnistía Internacional

Khadija Amin é unha das voces máis recoñecidas da diáspora afgá. Antiga presentadora na televisión pública do seu país, converteuse en activista tras ser despedida e ameazada de morte polos talibáns ao tomar o poder en 2021. Desde entón, combate o esquecemento mediante o activismo, a denuncia, a organización e, sobre todo, a palabra. 

GALICIA: TERRA DE ACOLLIDA E RESISTENCIA COMPARTIDA

Khadija participou recentemente, por segunda vez, nun congreso celebrado en Galicia sobre dereitos humanos e feminismos globais. A súa presenza non pasou desapercibida. “Esta terra acóllenos cun agarimo que non esquezo. Galicia é moi especial para min, porque aquí a xente quere escoitar”, di emocionada.

Xa fora convidada anteriormente a dar charlas en institutos galegos, onde a resposta da mocidade a impresionou: “Facían moitas preguntas, querían saber. Ese interese é clave. Aquí temos a posibilidade de falar, cousa que dentro de Afganistán xa non é posible”. Esa oportunidade de contar a realidade é o que lle dá sentido á súa loita: “Se non nos deixan falar no noso país, falaremos fóra. Por iso ten tanto valor para nós”.

DE COMUNICADORA A ACTIVISTA: O INICIO DUNHA LOITA

A súa historia persoal está profundamente ligada á educación. Baixo o primeiro réxime talibán, tivo que estudar en escolas clandestinas mentres os homes da súa familia accedían á educación libremente. “Ver que meu irmán podía estudar e eu non, doía. Era unha inxustiza que non entendía”, lembra. Esa ferida inicial transformouse en forza, en compromiso, en voz.

Logo de formarse como xornalista e traballar na televisión pública de Afganistán, todo mudou coa chegada dos talibáns ao poder. Expulsárona do seu traballo, ameazárona de morte e viuse forzada a fuxir. Foi entón cando, como ela di, pasou “ao outro lado da cámara”: deixou de facer preguntas para ser ela quen respondía. “Non podía calar máis. Alguén tiña que contar o que estaba pasando”.

O PROXECTO EDUCATIVO: DEVOLVER O QUE ELA RECIBIU NA CLANESTINIDADE 

Un dos aspectos máis emotivos do seu activismo é a aposta pola educación das nenas afganas. A súa asociación conseguiu crear unha plataforma online para ofrecer formación a pequenas que, coma ela, só poden estudar ás agachadas. “Eu tamén comecei en clases clandestinas. Agora son eu a que pode darlles esa oportunidade. Iso emocióname profundamente”, confesa.

Pero non só iso: tamén conseguiron evacuar a máis de 35 mulleres (algunhas con crianzas) desde Afganistán, brindándolles protección e apoio no exilio. “Facémolo cun equipo pequeno, pero con moita determinación. Sabemos que sen educación non hai cambio nin liberdade posible”.

UN FEMINISMO FRONTE AO APARTHEID DE XÉNERO  

A situación das mulleres en Afganistán é, nas palabras de Khadija, “tan inxusta e complexa que custa describila”. Non poden traballar, nin estudar, nin falar en público. Non poden saír soas nin decidir o que levan posto. Non poden ensinar a súa cara. “Viven presas, como en cárceres sen barrotes. Só respiran. Nada máis.

Denuncia o que considera un apartheid de xénero sistemático, que foi ignorado polas institucións internacionais. “A comunidade internacional podería facer moito máis, pero non o fai. Non hai intereses económicos en Afganistán, non se venden armas, así que ignórannos. Os talibáns, di, conseguiron o que querían: borrar as mulleres da esfera pública. “Eliminaron á metade da poboación. É inhumano. E todo acontece ante os ollos dun mundo que non actúa”.

GUERRAS QUE TAPAN GUERRAS

Khadija alerta de que os conflitos máis mediáticos están servindo para silenciar outras guerras. “En 2021 todos os medios falaban de Afganistán. Agora, co que está pasando en Gaza ou con Irán, xa case ninguén fala de nós. Cada guerra tapa outra, e así vai desaparecendo a nosa loita do mapa.”

E iso, advirte, é perigoso. Porque cando se deixa de falar, comeza o esquecemento. E o esquecemento, no caso de Afganistán, significa máis opresión, máis suicidios, máis matrimonios forzados, máis silencio imposto.

ESPERANZA NUN FUTURO QUE AÍNDA NON CHEGOU

A pesar das dificultades, Khadija Amin non perde a esperanza. “Sabemos que a curto prazo non cambiaremos nada. Pero a longo prazo si. A historia demostra que as loitas das mulleres sempre acaban dando froito. E a nosa tamén o dará.”

E engade: “Nós vivimos con esa esperanza, día a día. É o que nos mantén vivas. E estou segura de que en algún momento a situación cambiará. Non sabemos cando, pero cambiará. Porque esta inxustiza non pode durar para sempre.”

UNHA CHAMADA DIRECTA AO MUNDO

A súa mensaxe final é un convite á empatía, á solidariedade e á acción: “Pido que se imaxinen un día vivindo como viven as mulleres en Afganistán: sen poder saír soas, sen poder falar, sen poder estudar nin traballar. Sen poder escoller nada. E agora pensemos: poderiamos vivir así? Elas levan catro anos así. Non podemos ignoralo.”

Tamén lanza unha mensaxe de agradecemento: “Grazas a Galicia Confidencial, e grazas ao pobo galego por acollernos, por escoitarnos e por organizar estes actos que nos permiten seguir loitando. Queremos que sigades escribindo sobre Afganistán. E queremos que a nosa causa estea presente nas vosas axendas, nas vosas escolas, nos vosos medios.”

Khadija Amin é moito máis ca unha activista no exilio. É a ponte entre as voces silenciadas e os oídos atentos. Galicia, con ela, demostra que a solidariedade pode cruzar montañas, desertos e océanos. E que a memoria, se se mantén viva, pode ser a primeira semente do cambio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta