Conselleira de Emprego: "A Xunta non quere un país onde as persoas vivan de subsidios"

A oposición afea ao Goberno galego "culpabilizar" aos parados e di que as súas políticas son "propias de Vox".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/05/2023 | Actualizada ás 13:33

Comparte esta noticia

A conselleira de Promoción do Emprego, María Jesús Lorenzana, acusou ao Goberno central de "comprar os votos cos subsidios" destinados a persoas no paro, á vez que negou que o Executivo galego "bote a culpa" aos desempregados que rexeitan un emprego a pesar da existencia de prazas vacantes no mercado laboral galego.

Os grupos da oposición criticaron á conselleira este martes por este asunto tras a súa primeira intervención nunha comparecencia a petición propia no pleno do Parlamento. Nela, Lorenzana aludiu de novo á situación "atípica" á que xa se referiron tanto ela como o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o pasado xoves despois do Consello da Xunta.

"Agora a consellería tenta culpabilizar aos que están a percibir un subsidio", censurou o deputado do BNG Daniel Pérez, mentres a socialista Carmen Dacosta sinalou que "obviamente" non é "culpa deles", polas 15.000 ofertas sen cubrir. "O que temos claro é que hai unha chea de persoas en desemprego e unha chea de vacantes. Nós como goberno temos a responsabilidade de achegar ou casar esa oferta con esa demanda... temos que traballar para que a formación sexa adecuada (...) Pero tamén trabar cos desempregados", replicou a titular de Promoción do Emprego.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, no Parlamento. XUNTA
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, no Parlamento. XUNTA | Fonte: Europa Press

"NON VIVIR DE SUBSIDIOS"

Así, na súa segunda quenda de palabra, aseverou que "aquí non se vai a perseguir a ninguén senón todo o contrario, axudar ás persoas para que sexan libres e atopen un traballo". Neste sentido, a conselleira subliñou que "non se pode ter un país" con persoas "absolutamente inactivas" porque "ao final o que ocorre é que viven de subsidios" e a Xunta "non quere un país onde as persoas vivan de subsidios", senón un "onde as persoas traballen e sexan libres porque teñen un traballo". "E non que se vaia fomentando que as persoas pasen á beira das prestacións", apostilou.

Incidindo en que "en ningún momento se botou a culpa ás persoas", avogou por "transitar da parte pasiva á activa desde os poderes públicos" e cifrou en 30.000 os galegos que cobran o ingreso mínimo vital este ano. Respecto diso, acusou ao Ministerio de Inclusión de "non traballar a parte de activación" desa axuda, "co cal a bolsa cada vez é maior" e as persoas están "desconectadas do mercado laboral e viven dun subsidio".

"POLÍTICAS DE VOX"

En resposta a isto, a parlamentaria do PSdeG manifestouse "indignada por esta demagoxia mitinera" que viu "non propia de vostede", pola conselleira, senón "de Vox". Así, rexeitou que haxa desempregados "que sexan vagos" e "fraude" e considerou que o que hai é falta de políticas de emprego.

Tamén o nacionalista Daniel Pérez falara deste extremo ao afirmar que "pode haber unha porcentaxe pequena de persoas que rexeitan de forma indebida un emprego, pero non é a maioría". "O único que falou de fraude foi o señor Rueda. Nunca dan puntada sen fío", espetoulle na súa segunda quenda.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta