Queremos Galego alerta da "grave situación de emerxencia Lingüística" con nove mobilizacións

Reclamará o papel "normalizador" dos concellos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/05/2023 | Actualizada ás 16:41

Comparte esta noticia

A plataforma Queremos Galego, da que forman parte máis de 500 entidades, reclamará o papel "normalizador" dos concellos en relación co uso do galego este mércores 17 de maio, Día das Letras Galegas, para cando ten convocadas un total de nove mobilizacións.

Baixo a lema 'En galego, aquí e agora', ás marchas e concentracións previstas nas sete grandes cidades ás 12,00 horas súmanse actos en Monforte (Praza de España) e Foz (Concello). En Santiago, a manifestación sairá ao mediodía da Alameda e percorrerá as rúas compostelás "para aproveitar a proximidade das eleccións municipais e reclamar o papel normalizador dos concellos, fronte ao desprezo do resto de poderes públicos".

Mentres, na Coruña, será unha concentración no Obelisco na que participarán Xulio López Valcárcel, Tino Fraga, Isabel Naveira e Telmo Cillero para explicar a situación do idioma propio de Galicia nos seus respectivos sectores (xustiza, ciencia, escena e deporte, respectivamente). Este acto contará coa actuación do grupo de pandereteiras de Zóscalle e terminará coa lectura dun manifesto.

"SITUACIÓN DE EMERXENCIA"

"A situación de emerxencia lingüística non permite esperar outros 40 anos a que as institucións se dignen a cumprir as súas obrigacións", advirte Queremos Galego. A través dun comunicado de prensa, o portavoz da plataforma, Marcos Maceira, lamenta que os 40 anos da lei de normalización "non serviron para subvertir a situación do galego" e tampouco contribuíron "a gañar novos espazos".

"O uso da lingua segue sendo minoritario en espazos como o da administración de xustiza ou na administración do estado", denuncia. Ademais, a plataforma alerta da "grave situación de emerxencia lingüística" e atribúeo ao "desprezo e pasividade dos poderes públicos".

Ao seu xuízo, a Xunta "segue convencida de que aplica a política lingüística adecuada" pero o colectivo entende que o é "para seguir perdendo falantes". Neste sentido, advirte da "desgaleguización do ensino" e critica o "mal chamado decreto de plurilingüismo".

Manifestación de Queremos Galego polo 17 de Maio
Manifestación de Queremos Galego polo 17 de Maio | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta