Por Galicia Confidencial | Verín | 16/05/2023 | Actualizada ás 10:30
O Festival de Percusión Vibra Verín foi presentado o pasado 11 de maio no Auditorio Municipal de Verín e contou coa presenza de Diego Lourenzo, tenente de alcalde do Concello de Verín; Miguel Ángel Guerra, director e profesor de clarinete do CMUS; Pablo Paz, director do evento; e Carmen Sola e Javier Díaz, tesoureira e presidente da ANPA do conservatorio, respectivamente.
Serán tres días nos que, ademais de actuacións abertas ao público, o alumnado dos CMUS participantes reunirase para actuar, asistir a obradoiros e concertos, e coñecer a outros percusionistas de renome. Devandito evento está organizado polo Conservatorio Profesional de Música do Concello de Verín e a Anpa deste centro formativo.
Segundo explicou o director de evento, Pablo Paz, o festival de percusión Vibra Verín naceu co obxectivo de dar resposta aos novos retos propios da sociedade actual, articulándose en torno a dúas liñas de traballo fundamentais: "A primeira enfócase en desenvolver un festival de carácter pedagóxico, creando espazos onde o alumnado de percusión dos diferentes conservatorios da provincia de Ourense fose o protagonista. A segunda liña oriéntase en crear un proxecto de dinamización da percusión dirixido a todos os públicos".
DATAS E ACTIVIDADES PROGRAMADAS
A segunda edición do festival, que terá lugar do 19 ao 21 de maio, contará con concertos participativos onde se amosarán as diferentes propostas e estilos que conforman o amplo mundo da percusión. A música galega, africana, brasileira e clásica serán as protagonistas desta nova edición.
A primeira xornada, o venres 19 de maio ás 20:00 horas, actuarán no Auditorio Municipal o alumnado de percusión dos Conservatorios de Verín e Carballiño, así como o alumnado das Escolas de Música de Cangas do Morrazo, Poio, Allariz e Xinzo de Limia. Como convidado especial, contaremos co alumnado de percusión da Academia de Artes de Chaves.
O sábado 20 de maio será o día grande do festival. Ás 13.30 horas haberá unha mostra/concerto de percusión africana na Praza Maior, onde participará todo o alumnado do Obradoiro de Percusión Africana dirixido polo mestre Andrés Rivero. Ás 19.30h haberá unha mostra/concerto de Percusión Tradicional Galega na Praza Maior, onde participará todo o alumnado do Obradoiro de Percusión Tradicional Galega dirixido por Álvaro Rúa e a Asociación Cultura Nova Era. Ás 20:00 horas actuará o grupo galego ODAIKO Percussion Group, quen se encargará de mesturar música, percusión e humor. Ás 21 horas será a quenda da Batucada Percúcar (Carballiño), comezando na Praza Maior para posteriormente percorrer as rúas do centro de Verín. Ás 22.30 horas actuará Banda Bacana, grupo que mestura a música de baile latinoamericana con textos en galego. Chegada a medianoite, será o momento de recibir á discoteca móbil Disco Mono, cos Dj’s Andrés Mixós e Roberto K, que pincharán toda a música de baile da actualidade.
O domingo 21 de maio, ás 13:00 horas na Praza da Mercé, haberá unha mostra do alumnado do Obradoiro de Batucada dirixida polo mestre Andrés Rivero.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.