A veda do polbo, dende o venres 19 de maio ata o 3 de xullo

Queda expresamente prohibida a extracción desta especie, incluída a pesca marítima de recreo.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 18/05/2023 | Actualizada ás 12:57

Comparte esta noticia

A veda de polbo da campaña 2023-2024 empeza ás 16:00 horas deste venres e terminará ás 5:00 horas do próximo 3 de xullo, tal e como establece a resolución pola que se aproba o plan experimental para a xestión do polbo con nasa, que permanecerá vixente ata que se publique a seguinte campaña extractiva e correspondente veda. Aínda así, as capturas desembarcadas o 19 de maio poderán comercializarse tamén ao día seguinte naquelas lonxas que tradicionalmente rexistran vendas desde cefalópodo os sábados.

Diso informou a Consellería do Mar nun comunicado, no que detalla que este período de descanso para a especie, necesario para axustar a xestión pesqueira ao seu ciclo de vida e contribuír a unha explotación máis sustentable, implica que queda expresamente prohibida a captura, tenencia a bordo, transbordo, desembarco, almacenamento, venda ou comercalización desta especie, por medio de calquera arte, en augas nas que Galicia ten competencias en marisqueo.

Este plan tamén establece por primeira vez a posibilidade de substituír as cotas máximas diarias de captura e desembarco por topes semanais en función da evolución da campaña e atendendo a circunstancias que o xustifiquen debidamente, unha medida de carácter temporal que permanecerá vixente unicamente mentres duren as causas que a motivaron.

PLAN 2023-2024

O novo plan de xestión do polbo regula aspectos como o horario autorizado para a actividade das embarcacións con nasa polbo que, unha vez termine a veda, irá dende as 6:00 horas e finalizará ás 16:00 horas. O número de nasas permitido queda establecido en función do tamaño da embarcación e do número de tripulantes a bordo.

En canto ao réxime de calado das nasas, os aparellos terán que levantarse do seu calado e levar ao porto todos os días coa seguinte excepción: aquelas que estean establecidas en fondos superiores aos 20 metros poderán permanecer no seu calado sen ser levadas a porto mesmo durante o período de descanso semanal.

A actividade será controlada a través do programa de seguimento e control, levado a cabo pola Subdirección Xeral de Gardacostas en colaboración cos garda pescas das confrarías de pescadores e os servizos contratados para o efecto.

Polbo galego.
Polbo galego. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta