Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/03/2015 | Actualizada ás 16:52
O grupo Mucha e Nucha está no centro do escenario. E desta volta non ten que ver con ningún espectáculo, senón no escenario político. A deputada socialista Carmen Gallego considera que a súa actuación na Cidade da Cultura, nun acto organizado pola Xunta para conmemorar o Día Internacional da Muller, é “unha mofa e un insulto" cara ás mulleres.
"Paréceme absolutamente insultante para as mulleres, sobre todo nun momento no que somos as vítimas máis sinaladas da crise económica, porque somos as que perdemos emprego, somos as que temos que volver ás casas a coidar das persoas maiores porque o Goberno quita prestacións... e, ademais, o Goberno aínda nos quere castigar con que non podamos decidir sobre o noso corpo", sostivo.
"Non é a primeira vez que se suceden por parte dos gobernos da Xunta este tipo de mofas. É a evidencia clara de que, o PP, a igualdade non a toma en serio", dixo sobre outros actos realizados pola Xunta para conmemorar este día. Así, lembrou ao que tivo lugar no 2010 do entón conselleiro Javier Guerra e da aínda hoxe titular de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, ataviados con globos intercambiándose estereotipos tamén con motivo do Día da Muller.
Neste sentido, indicou Galego que "todas as políticas do PP atentan contra os dereitos das mulleres", e precisou que "o exemplo máis recente é a reforma da lei do aborto". "O PP en materia de igualdade e de dereitos das mulleres anda bastante escaso", apuntou.
Mucha e Nucha, anteriormente coñecidos como Os dous de sempre, é o nome do dúo humorístico formado polos actores de Culleredo Marcos Pereiro e Xosé Antonio Touriñán. Tamén se chaman "Cantareiras de Ardebullo" ou "Pandereteiras de Ardebullo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.